O EMBAIXADOR DE CANADÁ VISITA O CAMPUS E ABRE A PORTA A FUTURAS DOBRES TITULACIÓNS COA UNIVERSIDADE DE VIGO
Allen mostrouse especialmente interesado no Campus do Mar.
Para o próximo curso seis estudantes vigueses completarán os seus estudos en centros canadenses.
A primeira visita oficial a Galicia do embaixador de Canadá en España, Jon Allen, troúxoo tamén ata o campus de Vigo, onde mantivo un encontro co reitor, Salustiano Mato, para abordar, entre outros asuntos, o incremento da colaboración entre ambas institucións e a futura posta en marcha dalgunha dobre titulación entre a Universidade de Vigo “e un centro de prestixio canadense”, subliñou Mato, que se referiu a esta iniciativa como “estratéxica para a Universidade de Vigo”.
Allen mostrouse especialmente interesado no Campus do Mar e en todo o relacionado co ámbito mariño, un eido de elevado interese para o seu país, “sobre todo en áreas como Terranova e Nova Escocia”, subliñou o diplomático, que visita Galicia co obxectivo de potenciar as relacións económicas nos ámbitos forestal, mineiro, naval e téxtil, para o que xa mantivo encontros co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e con representantes de entidades como Navantia ou Ence.
Tras a súa visita á Universidade de Vigo, á que se referiu como “moi moderna e eficiente”, o embaixador canadense, quen apenas leva un ano en España, insistiu en que hai diferentes vías que permiten a colaboración, e que “o importante é determinar onde e como facelo, un aspecto clave, sobre todo nestes días de crise económica”, recalcou o diplomático, ao tempo que subliñou que se tentará que participen nos futuros intercambios Vigo Canadá, tanto alumnado como docentes e investigadores, “algo para o que tentaremos contar coa axuda do Ministerio de Pesca e doutras entidades”, subliñou Allen.
Próxima reunión en Madrid.
Durante o encontro Jon Allen convidou ao reitor vigués a manter en vindeiras datas unha reunión máis específica na sede da embaixada e na que xa se aborden aspectos concretos destas colaboracións. Trátase de que, dende a embaixada, asesoren á institución académica viguesa sobre as universidades e institucións coas que hai máis posibilidades de abrir novos camiños de colaboración, “pensando, sobre todo, na posibilidade de establecer dobres titulacións con centros canadenses de prestixio, algo clave para a Universidade”, subliñou Mato, que explicou que na actualidade a Universidade de Vigo ten xa asinados convenios con tres universidades deste país “con que a relación está sendo moi positiva”.
Ademais do tema mariño “estratéxico para Canadá”, recalcou o embaixador, as colaboracións estenderanse tamén ás enxeñarías e a diferentes cuestións “en clave de Crusoe”, subliñou Mato, en referencia á necesidade de que dende Canadá se coñezan iniciativas como a Conferencia de Reitores do Suroeste Europeo. “Están moi interesados en todo o relacionado co naval e co mar e vennos como uns bos interlocutores para acadar todos eses acordos de investigación mariña que teñen en España”, valorou Salustiano Mato.
Seis estudantes vigueses en Canadá.
Segundo datos da embaixada, cada ano arredor de 200.000 estudantes de todo o mundo elixen estudar en Canadá, unha tendencia que se incrementa ano e ano e á que a Universidade de Vigo non quere permanecer allea, xa que falamos dun dos países máis grandes do mundo “e co que compartimos obxectivos estratéxicos como o mar”, subliñou Mato.
Ao abeiro dos convenios asinados con centros canadenses estes curso estudaron en Vigo tres estudantes deste país, o segundo máis grande do mundo, e o vindeiro ano desprazaranse a centros canadenses seis alumnos da Universidade de Vigo: catro á Université de Moncton en New Brunswick e dous á University of Prince Edward Island en Charlottetown.
Fonte: duvi.uvigo.es