Oficina CEER
 10-10-2013
EXPERTOS INTERNACIONAIS ANALIZARÁN EN VIGO OS AVANCES EN ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA E SERVIZOS TELEMÁTICOS

No Conference on Methodologies, Technologies and Tools enabling e-Government, MeTTeG 2013.

O programa complétase cun relatorio en decembro do creador do software libre, Richard Stallman.

A administración dixital ou electrónica permite aos cidadáns, mediante o emprego de novas tecnoloxías de comunicación e información, un uso máis eficiente, á carta e adaptado ás súas necesidades dos servizos públicos. A través da vía telemática pódese, por exemplo, facer pagos electrónicos, enviar solicitudes de permisos en liña, empregar a sinatura dixital, etc. Pero este eido vai un paso máis aló con outro tipo de servizos aos cidadáns como a e-participación, as smart cities ou cidades intelixentes ou o open data (datos dispoñibles de xeito libre sen licencias ou patentes). Tanto a vertente da administración pública como este outro tipo de servizos son campos nos que os investigadores están a traballar intensamente, implementando constantemente aplicacións das TIC que fomenten a interactividade e a participación e melloren os servizos que os gobernos ofertan aos cidadáns. Precisamente, a vindeira semana (17 e 18 de outubro) reuniranse en Vigo expertos nestes eidos procedentes de España, Holanda, Italia, Suíza, Suecia, Bélxica e Hungría no MeTTeG 2013, Conference on Methodologies, Technologies and Tools enabling e-Government, un congreso que organizan investigadores do grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos co soporte do Concello de Vigo e a Rede Galega de Procesamento da Linguaxe e Recuperación da Información.

Un foro aberto a todos os públicos
Esta é a segunda vez que este congreso se celebra en Vigo, tras unha anterior edición na cidade en 2009. A idea xurdiu en 2007 e arrancou en Italia para debater sobre a administración dixital ou eGovernment. Está pensado, como explica Luis Álvarez Sabucedo, membro do comité organizador “como un foro de reunión de académicos, empresas e administracións públicas interesadas en como tirar o máximo proveito das TIC e dos novos paradigmas da información para mellorar o servizo aos cidadáns e entre administracións”. Nesta sétima edición os relatorios centraranse en temáticas concretas como as smart cities, o open data, a seguridade e privacidade, a e-participación e os modelos conceptuais de servizo.

No congreso participarán axentes involucrados en todos os eidos da administración dixital, tanto investigadores de universidades e centros de desenvolvemento como de empresas e das administracións. “O noso obxectivo”, explica Álvarez Sabucedo, “é que sexan unhas xornadas abertas e de interese para todo tipo de público, para todos aqueles que queiran ter unha idea do que podemos atoparnos nos vindeiros anos neste sector”. Entre as tecnoloxías que se están a desenvolver neste eido están os servizos públicos móbiles, a computación na nube, os servizos web, a tecnoloxías XIS, a seguridade na rede, a web 2.0 e-government , a xestión de identidade, etc. Isto permite que os cidadáns teñan ao seu dispor nos distintos países avances como o voto electrónico, o e-learning, as aplicacións en código aberto, os servizos públicos en liña, un directorio de proveedores electrónico, o benchmarking ou os sistemas de xestión de documentos electrónicos.

Richard Stallman, un convidado de excepción
O congreso contará con dúas conferencias convidadas, a primeira delas a cargo da directora do Centro de Investigación AtlantTIC, Nuria González Prelcic, levará por título Smart management of protected areas: an opportunity for interdisciplinary research e será o relatorio inaugural. A segunda conferencia será impartida por Richard Stallman, fundador e líder da Free Software Foundation, considerado un revolucionario da informática e responsable do proxecto GNU. Stallman é creador do software libre e do concepto Copyleft, un tipo de licenza de software que asegura que este sempre permaneza libre e o seu uso e modificacións revertan na comunidade. Por problemas de datas, esta intervención terá lugar con posterioridade ao propio congreso e celebrarase o 9 de decembro e será de libre acceso, aínda que os inscritos no congreso terán condicións de acceso preferente. Stallman, que segundo o profesor Álvarez Sabucedo “destaca por ofrecer conferencias dun grande interese e accesibilidade para xente con diversas áreas de formación”, afondará nas oportunidades e vantaxes que o software libre ofrece aos gobernos, como unha maior autonomía e soberanía informática, un menor investimento ou a promoción dun modelo ético de liberdade. En numerosas ocasións Richard Stallman ten manifestado que a misión dun estado é organizar á sociedade para a liberdade e o benestar e un aspecto desa misión, no eido da informática, é exhortar aos usuarios a adoptar o software libre, porque un programa privativo considera que oprime a liberdade de quen o usa.

Fonte: duvi.uvigo.es