Oficina CEER
 19-12-2013
"QUEREMOS OFRECER UNHA FERRAMENTA QUE SEXA VÁLIDA PARA A SOCIEDADE CIVIL"

Biodiversidade Ameazada (http://www.biodiversidade.eu/) é unha plataforma de traballo contra a degradación dos hábitats naturais de Galicia e o Norte de Portugal, promovida por invesigadores dun lado e doutro do Miño, da USC e da Universidade do Porto, unha ferramenta colaborativa que buscar recoller e difundir o patrimonio natural e as especies ameazadas. O obxectivo é, axdemais, facilitar a creación de novas estratexias conxuntas de conservación, servindo de vertebración entre o ámbito académico, o dos afeccionados á natureza e o dos activistas.

Destacan que estes territorios, as dúas beiras do Miño, nos que a biodiversidade vexetal e os hábitats naturais son basicamente idénticos, constitúen un único espazo ambiental e cultural. Porén, sinalan que o fluxo de comunicación entre ambos espazos é mínimo.

Os promotores da plataforma destacan, así mesmo, que estes territorios, as dúas beiras do Miño, nos que a biodiversidade vexetal e os hábitats naturais son basicamente idénticos, constitúen un único espazo ambiental e cultural. Porén, sinalan que o fluxo de comunicación entre ambos espazos é mínimo, a pesar de estar sometidos a ameazas semellantes. A difusión en Portugal depende dos parceiros portugueses (Universidade de Porto e Fundação Fernão Magalhães para o Desenvolvimento), e xa comezou a dar os seus froitos, e esta mesma semana investigadores da Universidade de Lisboa puxéronse en contacto coa páxina, por unha información que colgara un usuario.

"Queremos poñer en común, ademais, distintos ámbitos: o académico, o naturalista dos afeccionados á natureza, e o ambientalista, o máis activista"

Biodiversidade Ameazada toma como referencia outras iniciativas de rexistro, coma o Proyecto Anthos ou o Flora-On. Que é o que diferencia esta plataforma web, desenvolvida por A Navalla Suíza, doutras ferramentas ou fontes de información? En primeiro lugar, este ámbito transfronteirizo e unificador, pero non só iso. Tamén a súa vontade de "unir e difundir información que existe, pero que está oculta en gabetas, que posúe a universidade ou a administración, pero que non circula", como destaca Miguel Serrano, un dos seus responsables. "Queremos poñer en común, ademais, distintos ámbitos: o académico, o naturalista dos afeccionados á natureza, e o ambientalista, o máis activista. A páxina quere servir de vertebración entre eles", explica.

"Dotamos a sociedade dunha ferramenta que é útil, que sinala concretamente as especies ameazadas nun lugar"

"Queremos ofrecer unha ferramenta que sexa válida para a sociedade civil", di Miguel Serrano, que pon como exemplo as avaliacións de impacto ambiental que encargan as empresas que van levar a cabo unha actuación que impacta sobre o medio: "Moitas veces a sociedade civil sospeita que unha determinada actuación pode ser lesiva para o medio natural, pero carece das ferramentas e a administración non é o suficientemente dinámica, por dicilo dalgún xeito, en poñerse do lado da sociedade civil e salvagardar o noso patrimonio". "Dotamos a sociedade dunha ferramenta que é útil, que sinala concretamente as especies ameazadas nun lugar", conclúe.

Así pois, a páxina dispón dun apartado concreto que detalla as ameazas para o medio, xunto con outros, coma os dedicados aos roteiros pola natureza, novas ou recursos. A xénese do portal está no proxecto Biodiv_GNP, financiado con fundos de cooperación territorial europeos. Até o momento posúe xa 16.963 rexistros xeográficos, que abranguen a totalidade do coñecemento actual sobre a flora ameazada do noroeste ibérico e un volume moi importante da endémica e subendémica.

As achegas publicaranse automaticamente, pero haberá un filtro: un grupo de expertos analizará estas informacións (mesmo as que envíen investigadores ou os propios administradores da páxina) e as validará

A outra gran característica é a participación dos usuarios, o seu carácter de construción colectiva. Calquera persoa pode enviar información ou imaxes sobre unha especie vexetal ou animal que rexistrara, e xeolocalizala. Estas achegas publicaranse automaticamente, pero haberá un filtro: un grupo de expertos analizará estas informacións (mesmo as que envíen investigadores ou os propios administradores da páxina) e as validará. A páxina tamén ofrece a opción de que se poidan subir datos ou imaxes en bloque, pensada para aqueles investigadores que teñen unha base de datos e que a queren compartir. "Hai unha pequena xerarquía, pero o que queremos é que isto o xestione unha comunidade de naturalistas e de investigadores", explica Serrano. "Agora o importante é que a páxina comece a funcionar e a encherse de contidos, de participación", conclúe.

Fonte: praza.com