Oficina CEER
 13-02-2014
O PRÓXIMO DÍA 18 COMEZA O CONCURSO USC-TESOURO

O próximo día 18 porase en marcha o Concurso USC-TESOURO, dirixido a todo o alumnado dos distintos niveis matriculado neste curso académico na Universidade compostelá. Esta é unha iniciativa que conta co apoio da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua.

USC-TESOURO ten por obxectivo que o alumnado poida achegarse aínda máis á riqueza histórica, cultural, científica e docente que atesoura a Alma Máter compostelá. Consistirá en contestar correctamente un cuestionario de 100 preguntas relacionadas coas facultades, servizos, actividades, historia e outras particularidades da USC. Cada pregunta ten seis respostas posibles, das que tan só unha delas será correcta. Definiuse un cuestionario específico para o alumnado do campus de Lugo e outro para o de Compostela, ambos os dous tanto en galego como en castelán.

O Concurso comezará o próximo martes 18 de febreiro ás 13.00 horas e prolongarase ata as 13.00 horas do 18 de abril. Para participar nel haberá que acceder ao Xestor de Enquisas da USC mediante unha clave persoal que recibirá por correo electrónico cada alumno/a da USC o próximo martes 18.

As bases do Concurso así como toda a información relacionada, incluídos os premios e os patrocinadores pode consultarse na páxina web no concurso (http://www.usc.es/gl/proxectos/usctesouro). Actuará como coordinador desta actividade o profesor José Ángel Docobo Durántez, promotor da mesma.

Fonte: xornal.usc.es