Oficina CEER
 08-04-2014
UNHA TESE PROPÓN A VIXILANCIA PERIÓDICA COMO ALTERNATIVA Á CIRURXÍA PARA UN TIPO DE TUMORES INTRACRANIAIS

O investigador Jamol Ergashev, na USC cunha bolsa Erasmus Mundus, chega a esta conclusión cunha tese cualificada con sobresaliente cum laude.

Tras o estudo de máis de 100 casos de schwannoma vestibular ou neurinoma do acústico, un tumor intracranial benigno, o investigador da USC Jamol Ergashev conclúe que, de entre as alternativas de tratamento, a vixilancia periódica é a máis beneficiosa para os casos de menor tamaño xa que non empeora o prognóstico a medio prazo e non se expón ao paciente a complicacións que poden xurdir como consecuencia da radioterapia ou a cirurxía.

A súa tese ‘Estudio epidemiolóxico e evolutivo dos schwannomas vestibulares tras distintos tipos de tratamentos’ que compara métodos de tratamento para identificar os tumores que representan unha ameaza fronte os que non o son, acadou unha cualificación de sobresaliente cum laude.

O crecemento do schwannoma vestibular é variable e difícil de predicir, podendo permanecer estable, aumentar ou diminuír. Cando crece, habitualmente o fai de forma letal pero algúns tumores poden provocar graves problemas polo que é preciso identificar aqueles que supoñen unha ameaza fronte aos que non o son. As alternativas médicas para o seu tratamento son varias. A cirurxía convencional permite unha extirpación completa pero ten risco de complicacións graves; pola súa banda a radioterapia suscita dúbidas sobre o control do tumor a longo prazo e outros efectos secundarios do tratamento. Fronte a estas posibilidades, que xeralmente se aplican conxuntamente, a tese de Jamol Ergashev conclúe que nos casos de neurinomas de pequeno tamaño a vixilancia exclusiva é a mellor alternativa.

A investigación de Jamol Ergashev foi dirixida polos profesores Sofía Santos Pérez, Andrés Soto Varela e Torcuato Labella Caballero e conta coa mención europea o que lle outorga o título de Doutor Europeo para o que tivo que contar co recoñecemento de expertos internacionais, entre outros requisitos, que avalan a calidade do seu traballo.

Erasmus Mundus
Jamol Ergashev é estudante de Tashkent, en Uzbekistán ao que lle foi concedida unha bolsa Erasmus Mundus para realizar unha estadía de tres anos na área de Otorrinolaringoloxía da USC.

A iniciativa Erasmus Mundus ten como obxectivo principal facilitar a mobilidade entre todos os membros da comunidade universitaria da Unión Europea e Asia Central e o programa concede bolsas para estudantes de países non europeos, que poden vir a estudar a Europa por períodos de un a tres anos.

O Erasmus Mundus comezou a funcionar en 2003 co obxectivo de mellorar a calidade da Ensinanza Superior en Europa, fomentar a cooperación con outras áreas xeográficas para reforzar as relacións das universidades europeas con institucións similares doutras zonas do mundo e conseguir que se creen redes e consorcios para impartir títulos conxuntos.

A de Santiago é a universidade europea que coordina un maior número de programas dentro desta iniciativa co que a USC aumenta a atracción de estudantes de excelencia das rexións nomeadas á vez que fortalece a súa posición de universidade socia de referencia para o norte de África e Oriente Medio.

Fonte xornal.usc.es