Oficina CEER

09-07-2014
A UNIVERSIDADE SERÁ UNHA DAS PIONEIRAS DO DOMINIO .GAL
As primeiras páxinas web con esta dirección estrearanse o vindeiro 25 de xullo.
Vén de ser homenaxeada como unha das institucións precursoras do .es, no seu vinte e cinco aniversario.
"A comunidade galega no mundo, con máis de 4 millóns de persoas, a nosa lingua e a nosa cultura precisan dunha marca propia coa que identificar todos os contidos que xeramos na Rede e, así, facernos máis visibles dentro deste espazo de comunicación global”. Esta era a idea coa que nacía en 2006 a Asociación Puntogal. Oito anos despois esa demanda tornase realidade e o vindeiro 25 de xullo estrearanse as primeiras 90 webs con dominio .gal. Unha desas novas páxinas será a da Universidade de Vigo, que entrará no grupo dos pioneiros deste novo dominio, de igual xeito que hai 25 anos o fixo co dominio .es. O vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais destaca que “sermos pioneiros está no ADN da Universidade de Vigo, e selo na implantación no noso país dunha ferramenta como Internet, que está a supoñer unha revolución na maneira de traballar, de divertirse, de relacionarse e mesmo de pensar nas sociedades modernas, fainos sentir tremendamente orgullosos. Estamos entre os primeiros en ter presenza con nome propio na rede no estado español, e tamén estaremos entre os primeiros en difundir a identidade galega na rede de redes”.
Un fito para Galicia
A directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación é a representante da Universidade de Vigo na Asociación PuntoGAL, dende onde lembran que “o .gal é o dominio que debe correspondernos como comunidade con fortes vencellos lingüísticos, culturais, históricos, sociais... unha especie de sufixo co que identificar en Internet as páxinas escritas en galego e que se dirixan á sociedade galega nas súas comunicacións en liña que, tendo en conta a nosa dispersión no mundo, non se circunscriba a un ámbito territorial concreto. Pero o proceso foi longo e complexo xa que como explica Fernández Iglesias, “un dominio de alto nivel (top level domain) é unha cousa moi seria”. Ata hai ben pouco só existían os dos estados recoñecidos (como o .es) e unha ducia doutros dominios como .com, .org, .net... “Crear un destes dominios era un proceso extremadamente complexo e oneroso. Coa recente actualización das normas da rede a nivel mundial simplificouse en gran medida o proceso e será posible materializar ese soño de que a cultura e identidade galegas tiveran nome propio en Internet”, engade Fernández Iglesias.
Un lugar de seu na rede
Para chegar a este momento, houbo moito traballo de divulgación e negociación. O 29 de maio de 2012, e tras unha longa espera, finalmente a Asociación PuntoGal puido presentar a súa candidatura para solicitar un dominio para a lingua e a cultura galegas. En xuño de 2013, tras superar os requisitos impostos pola ICANN, a Asociación PuntoGal consegue a aprobación do dominio .gal. O 16 de maio deste ano foi presentado en sociedade e este mes converterase nunha realidade. A Universidade de Vigo participou dende o principio desta iniciativa que achega vantaxes en diversos eidos. Por unha banda, o dominio .gal fai que Galicia teña un espazo de seu na Rede; fomenta o uso do galego na contorna dixital; a través del a cultura galega ten un xeito de gañar visibilidade nos contornos dixitais e facilita o achegamento das empresas ao público galego.
E é que os seus promotores apostaron forte dende un principio para que Galicia contara cun dominio propio que permitirá localizar con máis rapidez os contidos destinados ao público galego ou referentes á sociedade galega de xeito mais rápido. Facilitará tamén a organización dos contidos en galego na Rede de xeito máis eficiente, axudará a consolidar unha comunidade galega en internet e contribuirá ao uso e fomento das novas tecnoloxías por e para a comunidade galega. Na primeira fase deste proceso participan “90 entidades, organismos e empresas que deben representar diferentes sectores da sociedade”, como explica Edita de Lorenzo. Estes pioneiros estrearán os seus novos dominios o 25 de xullo e, os que aínda non solicitasen un nesta fase inicial, poden facelo ata o vindeiro 11 de xullo. Unha vez remata esta etapa inicial, abriranse sucesivas fases de solicitude de dominios que culminarán cando en decembro se abra o rexistro libre de dominios por parte do público xeral.
Pioneiros hai 25 anos co .es
A Universidade de Vigo foi unha das entidades e empresas pioneiras hai 25 anos na implantación do dominio .es. Precisamente este ano celébranse as vodas de prata e o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais foi o encargado de recoller a distinción de mans do ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, para a Universidade como pioneira xunto con outras cinco organizacións galegas: as outras dúas universidades, a Xunta, o Cesga e a Crtvg.
Lembra o vicerreitor que o primeiro servidor do dominio uvigo.es “se chamaba SIL” e era o modelo sun3 da empresa Sun Microsystems. Tiña, destaca, “1000 veces menos memoria, menos disco duro e menos capacidade de cálculo que un servidor de internet actual”. O dominio .es iniciou a súa andaina en 1989 e .es segue a ser o dominio preferido dos españois. Conta con máis de 1,7 millóns de rexistros, medio millón máis ca o .com. De feito, dos 200 primeiros rexistros do .es, 116 manteñen as súas páxinas web operativas, como é o caso da Universidade de Vigo, a partir deste verán compatibilizará o .es co .gal.
Recorda o vicerreitor que a Internet civil comezou a súa andaina como unha ferramenta ó servizo dos investigadores e inicialmente era coñecida polas universidades, centros de investigación e grandes empresas e institucións que facían unha aposta moi forte polo I+D. “Levou catro años chegar ós 200 dominios rexistrados cando hoxe hai días en que se solicita o rexistro de máis de 1000 dominios. Imaxino que a situación era a típica dos pioneiros: moitas dificultades, moi poucas regras, e moita ilusión”, conclúe.
Fonte: duvi.uvigo.es
