Oficina CEER
 15-09-2014
VIGO E LEÓN ASESORAN ÁS UNIVERSIDADES DO MAGREB NA FORMACIÓN DE EXPERTOS EN ENERXÍAS RENOVABLES

Son as representantes españolas no proxecto Tempus Momate, dotado cun millón de euros.

Participan tamén noutro proxecto dirixido a asesorar ás universidade marroquís en temas de gobernanza.

As universidades de Vigo e León son as dúas representantes españolas que están a participar nos proxectos europeos Tempus Momate e Go-Univ, dúas iniciativas financiadas pola Unión Europea con preto de dous millóns de euros e coas que se pretende apoiar a modernización da ensinanza superior dos países do Norte de África, centrándose no primeiro caso na harmonización dos estudos sobre enerxías renovables e, xa no segundo, de amosarlles como se organizan as universidades europeas.

As profesoras da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigadoras de AtlantTIC Ana Fernández Vilas e Rebeca P. Díaz coordinan a parte viguesa destes proxectos, cos que a Universidade segue a incrementar a súa colaboración cos países da fronteira mediterránea, relación que despegou con forza hai máis de dous anos coa posta en marcha do proxecto europeo GreenIT, coordinado neste caso desde a Universidade de Vigo e grazas ao cal, ata 2016, se adxudicarán 185 bolsas de intercambio para estudantes, investigadores e persoal de administración e servizos entre 20 universidades europeas e africanas.

A parte viguesa do proxecto está centrada na creación de contidos multimedia Coordinado desde a Universidade de León, o proxecto Tempus Momate, financiado con algo máis dun millón de euros, está dirixido a incrementar a dispoñibilidade de profesionais capacitados no ámbito das enerxías renovables en Marrocos, Alxeria e Tunisia. “Trátase de garantir que as universidades do Magreb poidan ofrecer unha formación de calidade e satisfacer as necesidades socioeconómicas mediante o fortalecemento e a modernización da ensinanza no sector das enerxías renovables”, explica Ana Fernández, coordinadora en Vigo do proxecto, que fai tamén fincapé na importancia de axudarlles a desenvolver centros de formación práctica neste tipo de enerxía e centros de documentación especializados ao servizo dos posibles emprendedores e investigadores.

O proxecto xurde ante dúas necesidades paralelas. Dunha banda, a Unión Europea ten como obxectivo cubrir para o 2020 o 20% das súas necesidades enerxéticas a partir das enerxías renovables e, da outra, os países do Magreb enfróntanse a aumentos de demanda de enerxía de aproximadamente o 6%.

A participación viguesa no proxecto estase a centrar na posta en marcha dunha plataforma de aprendizaxe en liña e na produción de diferentes contidos de carácter multimedia. Para isto cóntase cun equipo multidisciplinar formado, ademais de polas profesoras Ana Fernández Vilas e Rebeca P. Díaz, polo profesor Domingo Docampo, delegado do reitor para o Campus Dixital do Mar e Anxo Sánchez Bermúdez, docente do Grao en Enxeñaría da Enerxía e exvicerreitor de Novas Tecnoloxías.

Asesorando ás universidades marroquís en gobernanza e xestión económica
O outro proxecto no que colaboran as universidades de Vigo e León é o Tempus Go-Univ no que están implicadas todas as universidades de Marrocos, quince en total. Financiado con preto de 900.000 euros, o proxecto vai dirixido a xeneralizar o concepto de bo goberno nas universidades marroquís mediante a elaboración dunha guía común de prácticas de gobernanza, incluíndo a posta en práctica de accións de soporte axeitadas na actualización dos recursos humanos, nos sistemas de información, na toma de decisións, a xestión administrativa e a financeira.

“O noso traballo consiste en asesorar e dar a coñecer os procesos de éxito na Universidade de Vigo sobre gobernanza e xestión económica”, explica Rebeca Díaz, coordinadora local do proxecto, que fai fincapé en que se van realizar tamén labores de consultaría para o deseño de solucións TIC de apoio a ditos procesos. “Deixando á marxe o aspecto que ten que ver coa cooperación internacional e o establecemento de lazos con universidades en países da fronteira mediterránea, este proxecto dálle á nosa Universidade a posibilidade de transferir os seus procesos económicos e administrativos, así como dos sistemas de información TIC que os sustentan”, engade Díaz, que explica que se trata dun proxecto a dous anos que finalizará en 2015.

Fonte: duvi.uvigo.es