A POLITÉCNICA DA USC ASESORA A INVESTIGADORES DE XAPÓN NA RECUPERACIÓN DE TERRAS AGRÍCOLAS BALDÍAS E NA CONSERVACIÓN DE ZONAS HÚMIDAS
Profesores de tres universidades niponas visitan Lugo para intercambiar coñecementos con investigadores do Proepla e do Ibader e ver experiencias xa desenvolvidas.
O grupo de investigación 1716 Proxectos e Planificación (Proepla) da USC, integrado por varios profesores da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, está a asesorar a investigadores de tres universidades xaponesas en materia de recuperación de terras de uso agrícola abandonadas, así como na recuperación e mellora da conservación de zonas húmidas, a través de infraestruturas ecolóxicas.
A colaboración iniciada entre este grupo da USC cos investigadores xaponeses atopa as súas orixes en intercambios científicos previos entre o profesor da EPS e membro do Proepla Emilio Díaz Varela con outros investigadores da Universidade de Hokkaido.
Estes primeiros contactos entre a USC coas universidades niponas fixo o posible a visita dunha delegación de investigadores xaponeses á Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, que acubillou unha sesión de traballo durante a que distintos investigadores do Proepla e tamén do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), puxeron en común algunhas das experiencias por eles desenvolvidos neste eido.
Esta xornada de traballo e de intercambio de coñecementos tivo como protagonistas a profesores e investigadores do campus de Lugo e tamén aos profesores Futoshi Nakamura e Satoshi Yamanaka, do Forest Ecosystem Management Group da Universidade de Hokkaido, así como a Takumi Akasaka, do Departamento de Ciencias da Vida e da Agricultura da Universidade de Obihiro. O profesor do Instituto Tecnolóxico e Científico da Universidade de Tokushima Yoichi Kawaguchi tamén participou co resto de membros da delegación nipona nesta xornada de traballo.
Unha vez rematadas as sesións, os profesores xaponesas aproveitaron a súa estadía en Lugo para visitar determinados enclaves naturais da provincia que xa foron obxecto de estudos, tales como as Insuas de San Roque ou a Lagoa de Cospeito. O profesor Ramón Díaz e os investigadores Carmen Cillero e Marcos Rubinos, do grupo de investigación 1934 Te-Bio, acompañaron á comitiva xaponesa nestas visitas.
Os investigadores xaponeses mantiveron tamén durante a súa estadía no campus de Lugo encontros de traballo co grupo de investigación en Sistemas Forestais Atlánticos (GIS-Forest) da USC, Indurot, e da Unidade Mixta de Investigación en Biodiversidade da Universidade de Oviedo.
Unha visita ao caso de estudo dos Castañedos de Caranga, en Asturias, en colaboración co profesor Pedro Álvarez, do GIS-Forest, e outra expedición ata A Pontenova, co gallo de coñecer sobre o terreo un caso de estudo de abandono de terras, así como a súa relación coa dinámica socio-ecolóxica da paisaxe deste municipio lugués.
Fonte: xornal.usc.es