A Universidade da Coruña pon en marcha o programa A-Tempo en colaboración coas empresas adxudicatarias dos tres proxectos de investigación que se realizarán neste marco, Iberdrola, Ixion Industry & Aerospace e a UTE formada por Sistemas Audiovisuais Itelsis, SCIO SOFT e Neodyn.
Este mércores, 17 de decembro, na Sala de Xuntas do Campus de Ferrol, ás 12:30 horas, explicáronse aos medios de comunicación os detalles deste novidoso programa de colaboración entre a Universidade e as empresas para desenvolver proxectos de Innovación e Desenvolvemento, que conta cun orzamento total de 3,2 millóns de euros, dos que 2,5 os aporta o Ministerio de Economía e Competitividade, e o resto a UDC.
Na rolda de prensa estiveron o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Ricardo Cao, a vicerreitora de Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, o investigador principal do programa, Richard Duro, o delegado de Iberdrola en Galicia, Francisco Silva; o director Comercial de Ixion Industry & Aerospace, Nicolás Múgica, e o responsable da empresa Neodyn, José Ramón Franco, en representación da UTE.
A Universidade da Coruña desenvolverá no programa de investigación A-Tempo tres proxectos de I+D de construción naval offshore. A Universidade da Coruña e Iberdrola desenvolverán unha embarcación de apoio ao montaxe das cimentacións de aeroxeradores offshore. Coa empresa Ixion Industry & Aerospace, os investigadores da Universidade da Coruña construirán un submarino para a inspección no mantemento de estruturas offshore. Finalmente, a Universidade xunto coa UTE formada polas empresas Sistemas Audiovisuales Itelsis, SCIO SOFT e Neodyn crearán un sistema inmersivo de asistencia remota para o mantemento de plataformas offshore.
Fonte: www.udc.es