Oficina CEER
 09-04-2015
A REDE DE UNIVERSIDADES DA EURORREXIÓN GALICIA-NORTE DE PORTUGAL APROBA O SEU PLAN ESTRATÉXICO

Nunha reunión celebrada en Vigo á que asistiron os seis reitores que integran a entidade.

Na sesión deuse luz verde a un orzamento de case 58.000 euros para este ano.

Os seis reitores das universidades públicas que integran o padroado do Centro de Estudios Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (Ceer), Vigo, Coruña, Minho, Santiago de Compostela, Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro, xunto co director e o secretario xeral da entidade, aprobaron este mediodía nunha reunión celebrada na Universidade de Vigo o Plan Estratéxico da Rede de Universidades da Eurorrexión 2015-2020, que marcará os obxectivos e as liñas de actividades comúns a desenvolver polas universidades da Eurorrexión nos próximos anos.

O desenvolvemento desta estratexia común ten como misión fundamental contribuír á consolidación do espazo transfronteirizo da ensinanza superior e da investigación na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, promovendo a posta en marcha de titulacións conxuntas de formación e cotutelas de mestrado e doutoramento, así como a mobilidade de persoal docente e investigador, estudantes e persoal administrativo no seo das universidades socias. A estes obxectivos engádense os de desenvolver mestrados europeos de excelencia e a cooperación con países terceiros nos ámbitos da formación e da investigación.

No encontro de traballo que tivo lugar no edificio Miralles do campus de Vigo, os integrantes do padroado do Ceer abordaron os resultados das dúas primeiras convocatorias do programa eurorrexional Iacobus, que promoveu a mobilidade de 237 membros da comunidade académica da Eurorrexión, no curso 2014-2015, cun orzamento de 244.000 euros. As persoas beneficiarias do programa Iacobus dispuxeron dunha bolsa de axudas para unha estancia de investigación e formación nun centro de formación superior ao outro lado da fronteira.

Luz verde ao orzamento para 2015
Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo e os seus homólogos de Santiago de Compostela, Juan Viaño; A Coruña, Xosé Luís Armesto; Minho, António M. Cunha; Porto, Sebastião Feyo de Azevedo e Trás-os-Montes, António Fontainhas Fernandes, xunto co secretario xeral e o director do Ceer, José Alberto Río Fernandes e Rubén Camilo Lois González, aprobaron na xuntanza celebrada hoxe o orzamento para o exercicio 2015, que ascende a 57.706 euros, así como as contas e a memoria de actividades do pasado exercicio. A creación da figura xurídica do Ceer en Portugal foi outra das cuestións tratadas na reunión celebrada este mediodía en Vigo.

A xuntanza do padroado deu paso á reunión do Consello Social do Ceer, na que tomaron parte representantes de organismos sociais, empresariais e administrativos da Eurorrexión, como os presidentes da Fundação Serralves, Luís Braga da Cruz e do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares. O Consello Social, que centra a súa actividade no fomento da colaboración entre as universidades e a sociedade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, coa finalidade de promover o desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico e cultural eurorrexional, definiu nesta reunión unha proposta de actividades de colaboración a desenvolver nos próximos meses.

Fonte: duvi.uvigo.es