Oficina CEER
 10-04-2015
A UNIVERSIDADE INCORPÓRASE Á REDE DE CENTROS COLABORADORES UNIVERSITARIOS DE CAMBRIDGE

Tras a sinatura dun convenio de colaboración entre ambos organismos.

O acordo consolida o Centro de Linguas como referente galego en probas de acreditación de idiomas.

A Universidade deu este xoves un paso máis no camiño da internacionalización coa sinatura dun convenio de colaboración co Departamento de Avaliación de Inglés da Universidade de Cambridge, un acordo polo que a institución académica viguesa se incorpora á rede de Centros Colaboradores Universitarios de Cambridge English Language Assessment, o que supón un recoñecemento máis para o Centro de Linguas da institución académica viguesa, convertido xa nun referente galego en probas de acreditación de idiomas, e un novo impulso que axudará a seguir incrementando o catálogo de materias e itinerarios que se imparten en inglés.

O reitor, Salustiano Mato, e a directora de Cambridge English Language Assessment en España e Portugal, Elaine Blaus, foron os encargados de asinar o convenio nunha xuntanza celebrada na Reitoría, e a que tamén asistiron, a vicerreitora de Estudantes, Dolores González; a directora do Centro de Linguas, Esperanza Rama; o responsable de Desenvolvemento de Negocio para España e Portugal de Cambridge English Language Assessmen, Robin Gravina; a consultora para o Norte de España deste departamento, Adriana Real; así como diferentes membros da directiva da Escola Rosalía de Castro de Vigo, centro examinador de Cambridge na provincia de Pontevedra, que serán os encargados de administrar os exames e ofrecer apoio didáctico para a preparación dos test ao persoal do Centro de Linguas.

“A sinatura deste acordo ábrenos un abano de posibilidades moi interesante”, explicou Mato, que unha vez máis subliñou a vocación “internacional” dunha Universidade “na que temos a vista posta, entre outras cuestións, na posta en marcha de graos bilingües e dobres titulacións con centros punteiros a nivel internacional”, ao que a vicerreitora de estudantes engadiu que é tamén é “un paso máis” na oferta de formación e acreditacións específicas, “un eido no que xa somos referencia en Galicia” e co, desde o punto de vista do reitor, se subliña o compromiso “con futuro laboral e académico do noso alumnado”.

Os cursos comezarán a impartirse este verán
Os certificados que o departamento da Universidade de Cambridge, recoñecidos por institucións e empresas de todo o mundo, pon a disposición da Universidade de Vigo son os Cambridge English: Preliminary (PET), First (FCE), Advanced (CAE), Proficiency (CPE) e o Teaching Knowledge Test (TKT), pensado para valorar as competencias dos profesores da lingua inglesa, ademais de probas específicas de inglés legal (ILEC), financeiro (ICFE) ou comercial (BEC), en función das necesidades da propia Universidade e en datas acordadas por ambas partes.

“Sobre todo queremos centrar os nosos esforzos nos cursos máis específicos, especialmente o Business English Certificate (BEC) polas necesidades laborais dun contexto como Vigo, especialmente orientado aos negocios”, especificou a directora do Centro de Linguas, Esperanza Rama, que adiantou que o primeiro curso de BEC ofertarase xa este mesmo verán. Se ben o convenio recolle que a Universidade viguesa podería celebrar nas súas aulas calquera dos exames si así o solicitase, a vicerreitora de Estudantes explicou que “polo momento non contemplamos examinar nas nosas aulas ao alumnado, senón que nos imos centrar en ser centro preparador”.

En 2014 houbo máis de 1600 alumnos de inglés no Centro de Linguas
Na actualidade o Centro de Linguas da Universidade de Vigo é centro examinador dos seguintes exames de acreditación oficiais: CertAcles inglés: B1, B2 e C1; CertAcles francés e alemán: B1; DELE: de A1 a C2; TOEFL e IELTS. “Somos referente a nivel de Galicia, xa que somos os únicos que ofertamos TOEFL, CertAcles de B1 a C1 de inglés e B1 de alemán e, ademais, tamén destacamos a nivel nacional polo elevado volume de convocatorias que facemos de CertAcles”, subliñou Esperanza Rama, que explicou que en 2014 foron máis de 1000 os alumnos matriculados nos 77 cursos cuadrimestrais de inglés “sen incluír os cursos de verán, nin os específicos para docentes e persoal de administración e servizos nin aqueles deseñados a medida para sectores de fóra da comunidade universitaria, que de xeito conxunto sumarían arredor doutros 600 matriculados”.

Ao respecto precisamente dos cursos de inglés do Centro de Linguas, os representantes do Departamento de Avaliación de Cambridge amosaron o seu interese pola proba de acreditación para docencia en inglés elaborada pola Universidade de Vigo, HELA, unha proba na que se avalía se o profesorado que carece dunha acreditación oficial de idioma posúe as competencias lingüísticas necesarias para enfrontarse a docencia nunha lingua estranxeira con éxito e á que xa se presentaron arredor de 170 docentes. “É un tema que chamou moito a súa atención e no que manifestaron a súa vontade de colaborar”, subliñou Dolores González, que quixo adiantar que a partir de agora “as colaboracións irán a máis”.

Cambridge English Language Assessment

Segundo os datos facilitados polo Departamento de Avaliación de Inglés da Universidade de Cambridge cada ano máis de 5 millóns de persoas de 135 países realizan os certificados de Cambridge English Language Assessment, recoñecidos por máis de 15.000 departamentos gubernamentais, universidades e empregadores de todo o mundo.

Fonte: duvi.uvigo.es