Oficina CEER
 05-10-2015
AS RADIOS ALTERNATIVAS TOMAN A PALABRA PARA CONSTRUÍR REDES ENTRE ELAS

O campus acolle este xoves e venres unhas xornadas dedicadas a estas canles.

Na cita participan oito proxectos de Galicia e Portugal. Dunha banda, estaba a necesidade de dar voz a colectivos e realidades que non entraban na axenda dos medios de comunicación tradicionais ou que non facía no modo desexado. Doutro banda, estaban as oportunidades que trouxo o auxe das TIC e do acceso a Internet. Neste caldo de cultivo, nos últimos anos veñen proliferando os proxectos de radios e programas radiofónicos alternativos, emitidos moitos deles por Internet. Este xoves e venres, representantes de oito destas iniciativas de Galicia e Portugal danse cita no campus de Ourense co obxectivo de intercambiar boas prácticas e de establecer redes de colaboración entre elas.

A orixe, Radio Fedello
O Encontro Luso-Galaico de Radios Alternativas, que conta con financiamento do programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia, está organizado polo Grupo Informal Radio Fedello, composto por Noemí Giráldez, Luís Penín, María Millán, Daniel Antelo e Denís Pedrera. “Con esta iniciativa o que queremos é coñecer as experiencias doutras radios sociais que nos poidan inspirar para a nosa radio, Radio Fedello, e crear redes entre todos nós, vendo outras formas de abordar temas sociais que normalmente non se tocan nos medios de comunicación masivos”, explicou Noemí Giráldez en nome da organización.

A idea, comentou, xurdiu trala posta en marcha o curso pasado de Radio Fedello, unha radio social, plural e aberta creada pola Asociación Universitaria de Ciencias da Educación AUCE no Edificio de Ferro. A emisora naceu co obxectivo de ser un espazo radiofónico que traia ao campus e que dea voz ás entidades sen ánimo de lucro da contorna, que son convidadas a participar activamente na creación e emisión dos contidos desta canle, que se pode escoitar a través de Internet. Ademais de presentar Radio Fedello, para estas xornadas os organizadores convidaron a representantes das radios ou programas radiofónicos galegos Ponte nas Ondas!, A Pegada do Eco, Cuac FM e Mugre nas Ondas e os lusos O Clítoris da Razão, Radio Aurora. A outra voz e o Clube Intercultural Europeu.

Feminismo e saúde mental
A programación do encontro comezou este xoves cunha intervención de Tiago Silva, un dos fundadores do proxecto O Clítoris da Razão. No marco desta iniciativa, explicou, realizan en Radio Zero “un programa feminista que tenta abordar desde un punto de vista de xénero cuestións de interese”, como poden ser a sexualidade ou homosexualidade, e sobre todo un programa que “intenta crear contidos en portugués sobre a actualidade neste eido”. En 2013, salientou, comezaron a súa emisión a través de Internet e na actualidade son case trinta as persoas que participan voluntariamente nas iniciativas de O Clítoris da Razao. Xunto a eles, o outro proxecto de carácter feminista presentado nas xornadas foi o de A Mugre nas Ondas, que forma parte da emisora A Kalimera, de Santiago de Compostela.

Tamén de Lisboa achegáronse este xoves ao campus catro membros de Radio Aurora. A Outra Voz. Segundo subliñaron os seus representantes, trátase dun colectivo que realiza un programa de radio de media hora semanal desde dentro do propio Hospital Psiquiátrico de Lisboa que logo emiten 23 estacións de radio de Portugal e Arxentina. Creado en 2009, comentaron “o obxectivo do proxecto é loitar contra a estigmatización que existe en relación ás persoas con diagnoses psiquiátricas”. Deste xeito, o programa dálle libremente voz a esas persoas para falar das súas problemáticas pero sobre todo para falar de todo tipo de temas que poidan ser de interese xeral. “Somos sensibles aos temas de saúde mental pero non é o centro de todos os contidos”, sinalou Nuno, un dos membros do proxecto.

Educación non formal, teatro, etc.
Pola súa banda, Morgane Masterman é a encargada nestas xornadas de falar dos programas de radio que realiza o Clube Intercultural Europeu de Lisboa. A entidade ten dous programas por Internet, cada un deles vinculado a un dos proxectos que realizan. Está Radio do Clube, na que alumnado estranxeiro traballa na aprendizaxe activa do portugués a través da experiencia multicultural e o acompañamento, valorizando a experiencia persoal, e Radio Curra FM, na que se dá voz ás persoas do barrio de Picheleira, onde desenvolven un proxecto educativo e social. O programa, explica, permite traballar unha vez ao mes competencias sociais, tecnolóxicas, facer recollida de memoria e tratar temas sociais, entre outros aspectos.

Durante as sesións das xornadas tamén se falará de Ponte... nas Ondas!, experiencia educativa nada no ano 1995 froito da cooperación entre centros educativos de primaria e secundaria de Galicia e Norte de Portugal e no que a Universidade de Vigo vén colaborando desde o ano 2000. Tamén estará representada Cuac FM, unha radio comunitaria coruñesa que vén desenvolvendo dende o ano 1996 unha actividade de emisión radiofónica en directo e continuada diaria, e A Pegada do Eco, en Radio ECCA, un programa mensual de teatro radiofónico creado pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e coordinado polo Departamento de Dinamización Lingüística.

Fonte: duvi.uvigo.es