Oficina CEER
 23-12-2015
O UNIVERSITY RANKING BY ACADEMIC PERFORMANCE SITÚA A USC ENTRE AS UNIVERSIDADES CON MAIOR E MELLOR PRODUCIÓN CIENTÍFICA

Décima das universidades españolas, ocupa o posto 381 entre máis de 2.000 institucións investigadoras do mundo. A Universidade de Santiago de Compostela é a décima das universidades españolas pola calidade e cantidade das súas publicacións científicas. A súa produción científica sitúaa no posto 168 das institucións europeas e no 381 de entre as universidades de todo o mundo. Así se desprende do último estudo publicado polo University Ranking by Academic Performance (URAP), o correspondente a 2015-2016, unha listaxe baseada “en datos obxectivos obtidos de fontes abertas de confianza”, segundo explica o propio ránking.

A partir do estudo dos datos de produción científica de 2.500 institucións investigadoras de todo o mundo, URAP aplica unha metodoloxía baseada en seis indicadores dos que os artigos publicados polas distintas institucións representan a base de análise desta clasificación. Así, para o seu desenvolvemento téñense en conta os artigos publicados en Web of Science e listados por InCites (21% da cualificación final); o número de citacións recibidas polos artigos publicados (21%); o impacto total do artigo (18%); o impacto total por citación (15%); o número total de publicación realizadas en colaboración con investigadores de universidades estranxeiras (15%); e o número total de documentos científicos editados incluíndo conference papers, revisións, cartas, artigos de revistas ou guións (10%).

O grupo de cabeza das universidades españolas con maior produción científica do mundo intégrano ademais da USC, a de Barcelona, a Autónoma de Barcelona, Valencia, Autónoma de Madrid, Complutense, Granada, País Vasco, Pompeu Fabra e Zaragoza.

Fonte: xornal.usc.es