Oficina CEER
 02-04-2008
Unha selección do mellor das artes escénicas darán contido ao ciclo “Interzonas” en Pontevedra

Co obxectivo de dar cabida a unha programación cultural alternativa que atraia a xente nova, a Casa das Campás inaugurará este xoves, 3 de abril, o ciclo Interzonas, unha selección do mellor das artes escénicas do país que a Vicerreitoría do campus presenta para esta primavera. Caracterizada polo risco, a hibridación e a procura de novos espectadores, esta iniciativa pretende crear un lugar de encontro de creadores procedentes de Galicia e outros territorios. Oito proxectos distribuídos en cinco sesións que incluirán teatro, música, danza, performance, marionetas e cabaré, serán os protagonistas de estas xornadas os días 3, 4, 10, 17, 24 e 30 do mes de abril. A directora da Área de Extensión Universitaria e Estudantes, Ana Belén Fernández Souto, comentou que “pretendemos abrir a toda a cidadanía a nosa oferta cultural, achegar as nosas actividades á xente dentro e fora da Universidade, polo que este ano as propostas abranguen desde a moda ata o teatro, sen deixar de lado aos tradicionais cursos e obradoiros de Extensión Cultural”.

Para todos os gustos
O ciclo Interzonas abrirase este xoves coa actuación de Churchill&Co e os seus Grumildos, unhas inclasificables marionetas que se poden ver nun festival de música electrónica de Berlín, nun bar abandonado de Suíza ou nas catacumbas dunha igrexa de Lleida. A súa creadora, Ety Fefer, é unha peruana autodidacta que viaxa con seus nenos por case medio mundo, facendo unha montaxe cos bonecos autómatas na que pódese ver un percorrido guiado por un presentador. Esta actuación prolongarase ata o venres, 4 de abril e xa o día 10 continuará a programación con Mercederande e a súa obra Hana-Bi (Lume nas Flores) e Malandromeda, un grupo que aposta polo goce libre do hip-hop en galego e que busca a frescura da tecnoloxía empregada en vivo.

Para os que queiran pasar un intre divertido, o 17 de abril contarase coa representación O Alemán de Diego Anido, peza na que se combinan pautas básicas de teatro, clown, performance e anticoreografía. Tomando como punto de partida a data de caducidade dun iogur, explóranse os límites da cordura cun senso do humor moi persoal. Esta xornada rematará coa actuación de Germán Díaz, cuxo espectáculo xira arredor de unha zanfona, unha caixa de música e un órgano.

Para aqueles máis interesados no xénero do drama, teñen unha cita ineludible o día 24, cando a compañía Nut Teatro representará a obra 4.48 Psicose, crónica milimétrica e arrepiante do suicido que a propia autora cometería tres meses despois da súa escrita. Na mesma xornada e para que serva de relaxación, Parto ofrecerá a obra Aquófono, concerto do soño, unha combinación rítmica de sinxelas gotas de auga a través da cal recréanse unha serie de fantasías musicais e visuais únicas, efémeras e irrepetibles. Interzonas pechará as súas portas por todo o alto coa obra Unha noite chévere na Casa das Campás, unha ocupación teatral da sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, chea de humor, compromiso e complicidade coa sociedade actual.