Oficina CEER
 01-04-2016
ABERTO O PRAZO PARA PRESENTAR COMUNICACIÓNS Á IV XORNADA UNIVERSITARIA GALEGA EN XÉNERO

Nesta cuarta edición están centrada na práctica docente.

As oficinas de igualdade das tres universidades galegas organizan unha nova Xornada Universitaria Galega en Xénero (XUGeX) que nesta cuarta edición terá lugar o 15 de xullo en Compostela. O prazo para presentar comunicacións estará aberto ata o 2 de maio. Nesta ocasión, baixo o lema Perspectiva de xénero na docencia universitaria debaterase sobre a práctica docente e ábrese a convocatoria ao persoal docente investigador de fora do sistema universitario galego.

As comunicacións completas deberanse enviar (segundo a área temática elixida) aos enderezos electrónicos oix@usc.es para as áreas Metodoloxía docente e perspectiva de xénero e Innovación e boas prácticas na aula coa perspectiva de xénero; a igualdade@uvigo.es para Dinámicas de xénero na aula e Comunicación inclusiva: o uso da linguaxe na docencia; e a oficina.igualdade@udc.es para Integración da perspectiva de xénero no ensino virtual e Incorporación da dimensión de xénero na titorización.

As xornadas
Desde 2013 as oficinas e unidades de igualdade das tres universidades galegas colaboran na realización destas xornadas, punto de encontro para o seu persoal docente investigador que traballa con perspectiva de xénero.

Tratan con elas de impulsar a aplicación da transversalidade de xénero como un criterio de excelencia universitaria e intercambiar experiencias entre o persoal que teña integrado a perspectiva de xénero na súa práctica docente e o que estea interesado en incorporala. Do mesmo xeito, buscan potenciar experiencias innovadoras e crear novas redes de colaboración.

Fonte: xornal.usc.es