Oficina CEER
 21-04-2016
A USC E AS UNIVERSIDADES IRANIANAS BUSCAN NOVAS VÍAS DE COOPERACIÓN E INTERCAMBIO

Unha delegación da USC está estes días de visita en Irán.

Unha ampla delegación da USC reúnese esta semana en Irán con responsables das institucións de educación superior dese país. A Universidade de Santiago mantén unha estreita colaboración con institucións educativas iranianas no eido da investigación e do intercambio de coñecemento en múltiples disciplinas, con especial atención ao ámbito das ciencias da vida.
Ademais do reitor Juan Viaño, viaxaron a Teherán as vicerreitoras de Internacionalización e de Investigación así como, entre outros, responsables de diversos servizos da USC, do CIBUS, CiQUS, CiTUS, Idis, Escola de Doutoramento, da Facultade de Medicina e Odontoloxía e da ETSE.

Esta visita prodúcese meses despois dun primeiro contacto en Compostela na busca de novas vías que fortalezan e amplíen as relacións existentes no eido da investigación e o intercambio de persoal á vez que se identifiquen novos campos. Na actualidade mantéñense convenios bilaterais activos coas universidades de Teherán, Amirkabir de Tecnoloxía, Sharif de Tecnoloxía e coa de Ciencias Médicas de Teherán.

Erasmus Mundus Marhaba
Precisamente, ao longo desta semana o grupo da USC mantén tamén encontros con persoal científico e con alumnado interesado en programas de intercambio. En concreto, ademais das oportunidades que ofrecen os convenios bilaterais, profundarán nas posibilidades do Erasmus Mundus Marhaba, o programa de cooperación e mobilidade que lidera a USC dotado con 3 millóns de euros. Grazas a este programa creouse a rede IRIUC, un consorcio no que participan as cinco mellores universidades da República Islámica de Irán.

O proxecto Marhaba ten por obxectivo unha maior colaboración entre a UE e as institucións de Asia para a mobilidade de estudantes e persoal e a mellora da transparencia e a empregabilidade. Este Erasmus Mundus promove a mobilidade de 125 estudantes e persoal universitario entre a UE e Irán, Irak e Yemen nun marco de colaboración que inclúe unha representación equilibrada de nove universidades asiáticas (5 en Irán e 4 no Kurdistán) e outras tantas europeas (España, Francia, Alemaña, Italia, Reino Unido, Portugal, Polonia e Bulgaria). Nestes momentos, para a convocatoria do presente ano só a USC ten recibidas 303 candidaturas de mobilidade de estudantes, persoal investigador e de administración e servizos.

Fonte: xornal.usc.es