Oficina CEER
 24-10-2016
A USC CONMEMORA CUN AMPLO PROGRAMA DE ACTIVIDADES O 150 ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE VALLE-INCLÁN

A Cátedra Valle-Inclán da USC desenvolverá nos vindeiros meses un extenso programa de actos para conmemorar o 150 aniversario do nacemento de Ramón del Valle-Inclán (1866-1936) e que contribuirá a achegar á sociedade a figura do insigne escritor galego. Ademais dunha exposición con fondos propios da Universidade de Santiago haberá un ciclo de conferencias, unha lectura dramatizada e a publicación de diversos volumes.

O programa, que presentou a profesora da USC e directora da Cátedra, Margarita Santos Zas, inaugurarase o venres 28 de outubro no Colexio de Fonseca coa apertura da exposición ‘Valle-Inclán, Xenio e figura (1866-1936)’, que permanecerá aberta ata o 16 de decembro. Ese día ademais comezará o ciclo de conferencias coa intervención no Salón Nobre do profesor Jean François Botrel, catedrático da Universidade de Rennes, sobre ‘O libro en España en tempos de Valle-Inclán’.

A mostra
‘Valle-Inclán: xenio e figura (1866-1936)’ ofrece un triplo percorrido no tempo, que abrangue tanto a figura como a obra do escritor: Valle-Inclán, obra ilustrada; Caricaturas e retratos; e Valle-Inclán, traducido, realizadas con fondos bibliográficos e documentais da USC e do Grupo de Investigación Valle-Inclán. Como comisarios, Margarita Santos Zas e Francisca Martínez Rodríguez (Sección I), Javier Serrano Alonso e Amparo de Juan (Sección II) e Rosario Mascato Rey (Sección III).

A mostra reúne preto de 170 edicións publicadas ao longo da vida do autor vilanovés, acompañadas dunha escolma -máis de 1.000 imaxes dixitais- dos seus deseños gráficos orixinais (tipografías, motivos ornamentais, ilustracións…), que constitúen un dos expoñentes da renovación das artes do libro no primeiro terzo do século XX e que Valle-Inclán liderou.

Paralelamente, máis de 200 caricaturas e retratos de Valle-Inclán publicados na prensa contemporánea polos mellores debuxantes e pintores do primeiro tercio do século XX; e, finalmente, a terceira sección promovida polo Consello da Cultura Galega, Valle Inclán traducido, ofrece a proxección internacional do autor no seu tempo a través das súas traducións a diversas linguas -boa parte delas descoñecidas-, desde o francés, italiano, portugués ou inglés ao sueco, húngaro, finlandés ou ruso.

A exposición acompáñase dun catálogo das tres seccións, cos seus correspondentes estudios introdutorios, que contén 880 imaxes da propia exposición e outras que se mostran por vez primeira. Como novidade, cada sección achega novos materiais: na I e II un panel de gravados e debuxos orixinais do Legado Valle-Inclán Alsina, e, por último, un apéndice de caricaturas e retratos que case duplica o número exposto.

Ciclo de conferencias
O ciclo de conferencias que comeza o propio día da inauguración da mostra con Botrel continuará o 11 de novembro co relatorio de Xaquín del Valle-Inclán Alsina, presidente de Amigos de Valle-Inclán, sobre o deseño e as variantes do texto. En novembro intervirá Enrico Lodi, da Universidade de Bergamo, coa conferencia ‘Traducir La media noche de Valle-Inclán: cuestións de estilo’ e Jesús Rubio Jiménez, da Universidade de Zaragoza, con ‘Ángel Vivanco e Ramón del Valle-Inclán: as artes do libro’.

Xa en decembro será a quenda de Jaume Capdevila, de La Vanguardia, co relatorio ‘O esperpento gráfico. Breve historia da caricatura con Valle-Inclán ao fondo’, e clausurará o ciclo o 16 de decembro o profesor da USC José Manuel López Vázquez cunha conferencia sobre os retratos e caricaturas de Valle-Inclán. Ese mesmo día pola mañá en Filoloxía desenvolverase ademais a mesa redonda ‘Traducir a Valle-Inclán’.

Dramatización
Un dos actos máis interesantes do programa, que terá lugar o 8 de novembro no Auditorio de Galicia, será a dramatización de La media noche. O Teatro de La Abadía é o creador deste espectáculo, con música e imaxes, que pon na escena o director deste centro de estudos e de creación escénica, José Luis Gómez. Trátase dunha montaxe baseada en La media noche (1917), unha obra profundamente innovadora que versa sobre I Guerra Mundial. Fará a súa presentación o profesor da USC e director da Real Academia Española, Darío Villanueva.

Proxecto editorial
Parello a todas estas actividades, existe un importante proxecto editorial que comeza coa publicación pola Biblioteca da Cátedra de dúas edicións de manuscritos inéditos do escritor galego: Con el alba, El Cuaderno de Francia (xa editado) e La media Noche. Visión estelar de un momento de guerra. Ademais, a Biblioteca Castro da Fundación José Antonio de Castro editará a obra completa de Valle-Inclán en cinco volumes e Alianza Editorial fará o propio cunha serie de obras escollidas. Completa este proxecto o Anuario Valle-Inclán (2016), cunha homenaxe a La Lámpara Maravillosa no seu centenario.

Por outra banda, para favorecer o acceso ao legado Valle-Inclán o grupo de investigación e a cátedra teñen previsto poñer en aberto na rede en 2017 o Arquivo Dixital do Grupo Valle-Inclán USC, que contén todo o seu fondo documental impreso e bibliográfico, con 80.000 imaxes dixitais.

Todo este programa está patrocinado pola Universidade de Santiago, a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Consello da Cultura Galega e o Concello de Lugo.

Fonte: xornal.usc.es