Oficina CEER
 02-11-2016
A UDC REÚNE A EXPERTOS NO ÁMBITO DE SEGURIDADE E DEFENSA

• Os próximos 3 e 4 de novembro, a cidade herculina recibirá a visita de representantes dos principais organismos nacionais de defensa e líderes empresariais no seu sector.

• A intervención do Xefe do Programa SCOMBA e unha demostración en vivo do “Drone Service”, un sistema de seguridade en interiores baseado en drons autónomos, entre as principais novidades.

• Big Data, Intelixencia Cognitiva e Ciberseguridade son algunhas das temáticas que se abordarán.

Mañá, 3 de novembro, dá comezo a IV edición das Xornadas sobre Seguridade, Defensa, Tecnoloxías Matemáticas e Computacionais. Durante dous días, a sede do CITIC da Universidade da Coruña reunirá aos maiores expertos do panorama nacional co obxectivo de potenciar as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) e as Tecnoloxías Matemáticas e Computacionais no ámbito da Seguridade e a Defensa.
O éxito obtido en edicións pasadas ratifica a relevancia que cobran estas xornadas, que se converten nun dos fitos anuais clave para o sector empresarial, os organismos internacionais e a comunidade científica. Nesta ocasión abordaranse temáticas novas e punteiras a través de relatorios relacionados cos principios da nanotecnoloxía, a futura serie de fragatas F-110, a computación cognitiva, as comunicacións en contornas adversas e a detección e seguimento de lixo espacial, entre outros moitos.
Estas xornadas realízanse grazas á colaboración entre o Centro Superior de Estudos da Defensa Nacional (CESEDEN), o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC), coa colaboración do Instituto Matemático Interdisciplinar (IMI) da Universidade Complutense de Madrid.

Intervencións destacadas
As sesións de apertura e peche das xornadas contarán, respectivamente, coas intervencións de D. Salvador Naya, Vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia e Vicepresidente do ITMATI, e D. Julio Abalde, Sr. Reitor Magnífico da UDC. Tras a inauguración o día 3, terá lugar un relatorio do Capitán de Navío Antonio Juan González García, Xefe de Programa SCOMBA (Sistema de Combate dos Buques da Armada) e membro da Xefatura de Apoio Loxística da Armada. Do mesmo xeito, outro momento destacado poderá vivirse da man da empresa AVANSIG, que realizará unha demostración en vivo do “Drone Service”, un sistema de seguridade en interiores baseado en Drons Autónomos. Ademais, entidades e empresas de recoñecido prestixio como EMAD, DGAM-GESPRO, ROIA, PROSEGUR, EGATEL, Hewlett Packard Enterpreise, IBM ou EMETEL serán as encargadas de completar estas xornadas de debate ao redor dos retos aos que nos enfrontamos en relación a Big Data, á Intelixencia Cognitiva ou á Ciberseguridade, entre outros temas.
Podes consultar o programa completo das IV Xornadas se Seguridade, Defensa, Tecnoloxías Matemáticas e Computacionais en http://citic-research.org/sala_de_prensa/eventos.

Sobre o CITIC
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) é un Centro Tecnolóxico impulsado pola Universidade da Coruña para fomentar a I+D+i aplicada nas TIC. Supón un punto de encontro entre Universidade e Empresa no que se combinan departamentos de I+D de empresas con investigadores universitarios, constituíndo unha contorna mixta que posibilita a colaboración e a transferencia de coñecementos. Nel traballan máis de 200 investigadores distribuídos en 3 Áreas Tecnolóxicas de actividade e 11 grupos de investigación. Entre as súas actividades atópanse a transferencia tecnolóxica e do coñecemento, o desenvolvemento de Proxectos de I+D e a vixilancia tecnolóxica ademais de potenciar a innovación empresarial e a relación Universidade-Empresa.
http://citic-research.org.
Para descargar imaxes do Centro: http://citic-research.org/sala_de_prensa/galeria_fotografica
Subvencionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Cofinanciado FEDER:

Sobre ITMATI
O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) é un consorcio público participado polas tres universidades galegas. A súa vocación é ser un centro de investigación tecnolóxico de referencia a nivel internacional no ámbito da Matemática Industrial. Ademais de persoal propio, o instituto conta coa experiencia e colaboración de 41 investigadores adscritos das 3 universidades galegas, todos con ampla traxectoria e recoñecido prestixio no desenvolvemento de solucións para o mundo da industria, ben de forma autónoma, en colaboración coas propias empresas, ou ben con equipos doutras áreas de coñecemento. A función do ITMATI é proporcionar solucións ás empresas, industrias e administracións para apoiar a innovación e a mellora da competitividade no sector produtivo a través da Tecnoloxía Matemática. Para iso, o instituto conta con expertos nos ámbitos da Matemática Aplicada, da Estatística e Big Data e da Investigación Operativa, que traballan en temas tan diversos como o control de calidade, a simulación numérica e a optimización de procesos, ou a xestión e planificación de recursos. Todo iso co obxectivo de contribuír de forma decisiva a xerar valor engadido en múltiples sectores de actividade económica.

. Fonte: www.udc.es