Oficina CEER
 29-11-2016
SITUANDO A GALICIA E PORTUGAL NO NOVO MAPA MUNDIAL

Poñer en común dous mundos “ás veces máis separados do que deberían” constitúe, como sinala o director do Centro de Estudos Euro Rexionais (CEER) Galicia-Norte de Portugal, Rubén Lois, o propósito central do curso A xeopolítica ibérica na gobernanza global: España e Portugal no mundo, que, con máis de 50 inscritos, reúne nas xornadas de luns e martes na Casa das Campás a expertos dos ámbitos da seguridade, a defensa, as relacións internacionais e a ciencia política. Non en van, o obxectivo deste foro promovido pola Fundación CEER e o Instituto Español de Estudios Estratégicos (IEEE), coa colaboración da Vicerreitoría do campus, é afondar nas relacións entre España e Portugal en materia de seguridade e defensa e, ao mesmo tempo, promover un intercambio que estreite as distancias entre o mundo académico e os estudos estratéxicos que se desenvolven desde o eido militar.

Con este propósito, a terceira edición deste foro reúne tanto a representantes dos exércitos español e luso como a investigadores e investigadoras de universidades galegas e lusas ou da Complutense de Madrid. “O que pretendemos é reflexionar sobre temas que nos interesan a dous mundos con certa tendencia a pecharnos e nós mesmos, a desenvolver moito coñecemento pero, ás veces, con certos problemas á hora de trasladalo cara o exterior”, engadiu Lois na apertura deste curso, na que estivo acompañado polo subdirector do IEEE, o capitán Ignacio García.

Once conferencias conforman o programa dunha actividade que trata de poñer en valor a “colaboración inmensa, pero descoñecida” que existen nos eidos da defensa ou a seguridade entre os dous estados que centran a análise. “O problema das relacións entre España e Portugal é que son transparentes, que non se ven”, engade Federico Aznar, codirector dun curso que analiza o papel dos dous estados desde unha óptica global. “Para entender o mundo hai que ter os ollos dunha mosca, ter distintas miradas desde distintos puntos de referencia”, engade este responsable do IEEE, instituto dependente do Ministerio de Defensa.

Unha visión “pesimista” da estratexia comunitaria
Desde esa perspectiva global, a estratexia europea en materia de defensa centrou a conferencia inaugural, na que Ignacio García Sánchez achegou unha “visión pesimista” da evolución da Unión Europea en materia de seguridade, contrapoñendo a Estratexia Global presentada este verán pola alta representante Federica Mogherini, co primeiro plan aprobado pola UE en 2003, o chamado “documento Solana”. O subdirector do IEEE contrapuxo un discurso sobre “unha Europa, segura, próspera, exemplar para o resto de organizacións e países”, cunha situación marcada por un contexto de crise, que levou á que “algo que parecía imposible de poñerse en cuestión”, como é o desenvolvemento dunha “unidade que conseguiu ata o momento 70 anos de paz entre os grandes poderes do continente", si estea agora sendo cuestionada. Nese senso, García salientou que a nova estratexia europea “considera o seu piar defensivo como un elemento fundamental” para promover unha “maior cohesión e evitar o desmembramento e a falta de unidade”, motivo polo que considera que a UE pode avanzar na consolidación dun “polo defensivo”, co que “avanzar cara unhas forzas armadas máis integradas”, da man de países como Alemaña.

A gobernanza global
Esta análise sobre a xeopolítica internacional conta tamén coas achegas da Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 da Universidade, que a través dos investigadores Enrique Varela e Argimiro Rojo afondará neste cursonas ideas da gobernanza e o goberno global. “A crecente complexidade, volatilidade e fragmentación da realidade global fai que eixos de análise como o público e o privado deban de ser completados coa análise dos commons”, sostén Varela, quen incidiu na súa intervención na necesidade no mundo actual de, máis aló dos “diagnósticos estratéxicos e intelixentes”, abordar paradigmas como o da gobernanza, favorecendo “o empoderamento cidadán”, xa que, “o goberno do planeta e a solución dos seus problemas xa non depende na súa totalidade das decisións dos actores internacionais”.

Nesa mesma liña, o Defensor Universitario, Argimiro Rojo, abordará na conferencia de clausura deste martes a idea da “gobernabilidade global”, a instauración dun marco xurídico e institucional “de alcance planetario”, máis aló dos límites dos estados. Unha cuestión que, como recoñece, “tropeza con serias dificultades, á vez que ten que facer fronte a moitas inercias, malentendidos, críticas e obxeccións”. Segundo apunta este catedrático de Ciencia Política, esta idea do goberno mundial “garda unha estreita relación co concepto de seguridade máis recente e comprensivo”, o da seguridade humana, que actualmente xa non pode ser garantida unicamente polos estados, senón que “debido ás grandes transformacións experimentadas pola humanidade nas últimas décadas”, require de “accións concertadas e multilaterais”. De feito, ao seu xuízo, “a única garantía de seguridade humana integral nos nosos días pasa pola implantación dun goberno mundial”.

Fonte: duvi.uvigo.es