Oficina CEER
 05-09-2017
A ESTACIÓN CIENTÍFICA DO COUREL ORGANIZA UNHA XORNADA ABERTA AO PÚBLICO SOBRE A ETNOGRAFÍA COURELÁ O 24 DE SETEMBRO

Jesús Afonso Parada Jato e María Moure Oteyza intervirán como relatores nesta sesión monográfica de orientación práctica. A inscrición é de balde e está aberta ata o día 19.

A Estación Científica do Courel acollerá o vindeiro 24 de setembro unha xornada monográfica sobre etnografía courelá, na que intervirán como relatores Jesús Afonso Parada Jato e María Moure Oteyza.

Esta actividade formativa, promovida polo Campus Terra da USC a través do director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro, prolongarase durante toda a xornada, de 10.00 a 20.00 horas. Trátase dunha xornada de acceso libre e de balde, aínda que as persoas interesadas en participar deben formalizar a súa inscrición ata o 19 de setembro, a través dos números de teléfono 982 821 901, 648 051 928 e 600 942 418, ou ben nos enderezos de correo electrónico ro_rodriguezlopez@hotmail.com ou antonio.rigueiro@usc.es.

O programa da xornada comezará cun relatorio sobre usos, costumes e cousas do Courel, a cargo do escritos e investigador Jesús Afonso Parada Jato. De seguido, a licenciada en Farmacia María Moure Oteyza impartirá un curso sobre usos tradicionais das plantas medicinais na Serra do Courel. As persoas que participen neste curso poderán logo poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante unha saída ao campo programada en quenda de tarde.

Fonte: xornal.usc.es