Oficina CEER
 01-12-2017
O OBSERVATORIO ASTRONÓMICO RAMÓN MARÍA ALLER OFERTA O PROGRAMA DE EXTENSIÓN CULTURAL DE ASTRONOMÍA

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela organiza anualmente dende 1997 o Programa de Extensión Cultural de AStronomía (PECAS), dirixido ós membros da comunidade universitaria e ó público xeral, co apoio económico da VICERREITORÍA DE ESTUDANTES, CULTURA E RESPONSABILIDADE SOCIAL, o que permite que polo momento o curso sexa GRATUITO para todos os membros da comunidade universitaria.

O propósito do curso é dar a coñecer o mundo da Astronomía, así como as funcións do Observatorio, fundamentalmente a aquelas persoas que non teñen un contacto directo coa ensinanza oficial desta disciplina.

As actividades propostas inclúen unha visita ó Observatorio, onde se explica a historia do centro e a súa actividade actual investigadora, así como un percorrido polas súas instalacións. Tamén haberá diversas sesións de observación nocturna e diurna nas que se establecen os principios básicos da observación astronómica, tanto a simple vista como con prismáticos ou telescopio, de tal xeito que os asistentes adquiran a preparación e experiencia necesarias para que poidan realizar observacións pola súa conta. O programa completarase con charlas teóricas, sesións sobre o uso do planisferio, de telescopios e de reloxos de Sol, proxección de vídeos de temática astronómica e información sobre bibliografía actual e astronomía na rede.

Aqueles que sigan con aproveitamento o PECAS poden convalidar 1 crédito de libre configuración (tódalas licenciaturas e diplomaturas) ou un crédito ECTS (todos os graos).
Mais información na páxina web www.usc.es/pecas