Oficina CEER
 05-12-2017
XUNTA CERTIFICA A EXCELENCIA DOS ESTUDOS DE FILOLOXÍA INGLESA DO SUG

As Consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e Economía, Emprego e Industria certifican a excelente saúde da Filoloxía Inglesa en Galicia. As axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do Sistema Universitario de Galicia (SUG) resoltas recentemente deixaron constancia do nivel de excelencia alcanzado polos investigadores de Filoloxía Inglesa radicados en Galicia, ao conceder cinco importantes axudas a catro grupos de investigación das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. Os grupos Investigación en Estudos Literarios e Culturais, Tradución e Interpretación (BiFeGa) e Language Variation and Textual Categorisation (LVTC) da UVigo, coordinados respectivamente polos profesores Belén Martín Lucas e Javier Pérez Guerra, obtiveron senllas axudas con referencias ED431 B 2017/76 (90.000 euros) e ED431 C 2017/50 (200.000 euros). Pola súa banda, a rede Lingua e Literatura Inglesa e Identidade III, que dirixe na UDC a profesora María Jesús Lorenzo Modia, obtivo unha axuda dotada con 120.000 euros (ref. ED431D 2017/17).

Na USC o programa de consolidación e estruturación recoñeceu o labor do grupo Variation, Linguistic Change and Grammaticalization (VLCG), que dirixe a catedrática Teresa Fanego, con outra axuda competitiva (ref. ED431 B 2017/12; 90.000 euros). A ela súmase a axuda con referencia ED431D 2017/09 (120.000 euros) outorgada á rede de investigación English Linguistics Circle (ELC), coordinada así mesmo por Teresa Fanego. A rede ELC aglutina a cinco grupos de investigación do SUG cunha amplísima traxectoria internacional no ámbito da lingüística teórica e aplicada e a psicolingüística: os xa mencionados VLCG e LVTC, radicados na USC e a UVigo, e os grupos SPERTUS – Spoken English Research Team (USC; coordinador: Ignacio Palacios), Procesos Cognitivos e Conduta (USC; coordinadora: Isabel Fraga Carou) e Deseño de modelos e materiais didácticos para o ensino-aprendizaxe de linguas estranxeiras (UVigo; coordinadora: Rosa Alonso). ELC constituíuse a finais do 2006, e desde entón contou con financamento continuado mercé a seis bolsas competitivas da Xunta de Galicia e do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade.

Merece destacarse que os distintos grupos receptores das importantes axudas relacionadas aglutinan á práctica totalidade do persoal investigador de Filoloxía Inglesa de Galicia. Todos eles participan no exitoso Máster Interuniversitario en Estudos Ingleses Avanzados e as súas Aplicacións (iMAES) que coordina desde a USC a profesora Teresa Fanego, e no Programa de Doutoramento Interuniversitario en Estudos Ingleses Avanzados (IDAES), coordinado actualmente pola profesora Margarita Estévez Saá e previamente polo profesor Ignacio Palacios. Ambas as titulacións sometéronse o pasado curso ao proceso de renovación da acreditación, e obtiveron cualificacións magníficas por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

Todo o anterior pon de relevo que as tres universidades galegas contan cun cadro de docentes e investigadores de Filoloxía Inglesa que traballan en estreita colaboración e están facultados para garantir unha excelente formación de posgrao no seu ámbito e en ámbitos afíns, formación que está a permitir aos alumnos egresados dos programas iMAES e IDAES antes mencionados contribuir de modo moi significativo aos sectores da información e coñecemento, así como ao sector produtivo e de servizos. Ligazóns:

http://www.imaes.eu/
http://www.idaes.eu/
http://elc.org.es/

Fonte: www.udc.es