Oficina CEER
 13-04-2018
APROPIÁNDOSE DE ARTE E MÚSICA PARA FALAR DE POLÍTICA

A Sala X acolle deste este xoves a exposición ‘Power, corruption & lies’ de Luis San Sebastián.

Un disco de New Order serviu de punto de partida a un proxecto estreado en outubro no campus de Ourense.

Power, corruption & lies é o título do disco publicado pola banda británica New Orden en 1983, un ano antes que tivese lugar en Inglaterra, a chamaba batalla de Orgreave, un conflito sindical mineiro que foi posteriormente retratado nun filme de Jeremy Deller. Partindo destes dous elementos e valéndose da técnica do apropiacionismo, o uso da obra doutros artistas para desenvolver novas obras, o artista Luis San Sebastián deu forma á exposición Power, corruption & leis, poder, corrupción e mentiras, na que propón unha reflexión política “que dalgunha maneira fora tamén un pouco cínica”, e que desde este xoves e ata o 17 de maio poderá visitarse na Sala X da Facultade de Belas Artes.

Comisariada polo profesor da Facultade de Belas Artes Ignacio Barcia, Power, corruption & lies presentouse por primeira vez o pasado mes de outubro na Sala Alterarte do campus de Ourense, dentro da terceira edición do ciclo Estado Crítico, que coordina o tamén docente da facultade e coordinador desta sala, Xosé Manuel Buxán. Así, a mostra que Barcia e San Sebastián presentaron nesta xornada xunto a decana, Silvia García, constitúe unha nova colaboración entre as dúas salas de exposicións da Universidade, como lembrou Barcia, quen lembrou tamén que o artista que seleccionou para este comisariado atopábase por aquel entón realizando na facultade o máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación.

Unha reflexión sobre unha arte politizada
“Adoita dicir Luis San Sebastián que na súa tarefa artística utiliza a historia da arte e da música como unha caixa de ferramentas”, recolle Barcia no texto de presentación desta exposición, no que incide que aquel que precisa dunha caixa de ferramentas “é alguén que fai cousas, que pretende intervir no mundo desde a súa situación no mundo”.

Nese senso, se ben esta exposición céntrase en dous sucesos concidentes no tempo, na década de 1980, busca tamén, explica o artista, ser “totalmente atemporal”. Así, San Sebastián válese dos títulos das cancións do álbum, nalgúns casos con algunha modificación, “como enunciados conceptuais”, relativos a un contido político que, recoñece, podería extraerse dos títulos, pero que logo non se atopa nos contidos das cancións. Así, empregando tamén a gama de cores proposta polo artista Peter Saville no deseño da portada, San Sebastián achega á mostra ideas como We all stand togheter ou The want your silent, ao tempo que amplía na parede central da sala a instalación na que reproduce sucesivas veces a verba Ultraviolence, outro dos títulos do disco. “A maneira na que entendo que pode funcionar a arte política é con certo cinismo”, engade este artista, que alude nese senso a unha produción de pezas “brillantes, cun lacado, en metal”, que aínda que “non deixan de ser arte conceptual, están producidas dunha forma pola que tampouco deixan de ser obxectos artísticos, que non deixan de ser comerciais”.

“Falar de apropiacionismo supón dalgunha forma unha reflexión metalingüística sobre unha das ferramentas da arte contemporánea, que se apropia do traballo artístico doutro artista”, engadía Silvia García no acto inaugural dunha mostra que suma ás obra xa presentadas previamente en Ourense unha peza en vídeo na que o artista intercala as imaxes do enfrontamento recreadas por Deller coa portada ou o título de New Order. Así mesmo, a mostra complétase tamén cunha serie de transparencias xurdidas dun fanzine que San Sebastián realizou xunto a estudantes da Universidad de Salamanca, onde cursou o grao en Belas Artes, e que constitúe “unha obra colectiva na que eles interpretaban o disco”.

Fonte: duvi.uvigo.es