Oficina CEER
 16-04-2018
ESTE LUNS COMEZOU O PRAZO PARA EXERCER O VOTO ANTICIPADO NO PROCESO ELECTORAL PARA ELIXIR REITOR DA USC

Entre este luns 16 comezou o prazo para exercer o voto anticipado nas eleccións de reitor da USC, trámite que se poderá realizar ata ás 14.00 horas do venres 20 de abril. Para exercer esta modalidade de voto as persoas interesadas solicitarán nos rexistros xerais (Lugo ou Santiago de Compostela) a papeleta e o sobre de votación correspondente por sector e circunscrición, así como o sobre exterior necesario para introducir o voto. O voto anticipado é preciso exercelo persoalmente.

Para completar o proceso cubrirase a papeleta de voto e introducirase no sobre de votación, cubrindo o sobre exterior cos datos requiridos (identificación do elector, sector e circunscrición electoral, data e sinatura). O elector ou electora acreditarase ante o persoal do Rexistro e, á súa vista, introducirá no sobre exterior de voto anticipado o sobre co seu voto e unha fotocopia do seu documento oficial de identificación que se corresponda co que lle consta á Universidade e que figurará no censo electoral. Seguidamente, entregará ao persoal do Rexistro o sobre de votación para o seu rexistro e custodia.

Eleccións a reitor
Os catedráticos Antonio López Díaz e Juan Viaño Rey son os dous candidatos que concorrerán no proceso para a elección de reitor da USC, logo da proclamación definitiva de candidaturas publicada a pasada semana.

Calendario
Actualmente estase a desenvolver a campaña electoral tanto para as eleccións de reitor como de representantes no Claustro, período que se estenderá ata o 21 de abril, coa xornada de reflexión fixada no 22 de abril. A votación de ambos procesos electorais celebrarase o luns 23 de abril entre as 10.00 e as 18.00 horas sen prexuízo do disposto para o voto anticipado.

Segunda volta
No caso das eleccións de reitor, o calendario contempla, se fose necesario, a celebración dunha segunda volta cuxa votación se produciría o día 14 de maio. O proceso concluiría, neste último suposto, o 24 de maio coa proclamación definitiva do reitor ou reitora electos. De non haber segunda volta, a proclamación definitiva producirase o día 7 de maio.

Fonte: xornal.usc.es