Oficina CEER
 20-06-2008
O grupo REDE reunirá na Toxa algúns dos máis importantes investigadores internacionais en políticas de cambio climático

O 2012 é a nova data límite no que a cambio climático se refire, xa que nese ano deixa de estar en vigor o Protocolo de Kioto. Pero a realidade esixe novas políticas neste eido e, para afondar nas medidas a adoptar na era pos-Kioto, algúns dos máis importantes investigadores e economistas daranse cita na Toxa no mes de xullo no 3º Atlantic Workshop on Energy and Environmental Economics. Organizado polo grupo REDE (Research in Economics, Energy and the Environment) a través dos profesores Xavier Labandeira e José María Martín Moreno, este obradoiro reunirá aos grades expertos en economía no eido do cambio climático.

Segundo explica Labandeira, docente do Departamento de Economía Aplicada, “contaremos con arredor de 50 investigadores, pero tamén xente de empresas, de institucións e da administración, pero é algo a pequena escala, o que queremos é poder crear debate e interacción, nunca buscamos un macro congreso”. Entre os asistentes á terceira edición deste workshop de carácter bienal, estarán investigadores da talla de Scott Barrett, da Johns Hopkins University; Carlo Carraro, da Universidade de Venecia e, sobre todo, William Nordhaus, da Yale University, un dos expertos internacionais de maior recoñecemento, que afondará nas políticas económicas do Protocolo de Kioto e dos pasos a dar unha vez finalizado este. Estes tres investigadores ofrecerán charlas de unha hora e media e, xunto con eles tamén haberá outros expertos internacionais invitados como Juan Pablo Montero, da Universidade Católica de Chile; Michael Hanemann, da Universidade de California ou Joseph E. Aldy, de Resources for the Future. Segundo Xavier Labandeira a importancia destes expertos é tal que “a algún deles é posible que lle dean o Nobel algún día” e “contamos con asistentes de practicamente toda Europa, Estados Unidos, Canadá e Iberoamérica”, puntualiza.

Dous días de intenso debate
O 3º Atlantic Workshop on Energy and Environmental Economics desenvolverase entre o 4 e 5 de xullo e o seu programa xirará arredor das políticas de cambio climático despois do 2012. “Son temas interesantes dende o punto de vista académico pero tamén o son socialmente”, salienta o co-organizador. As sesións e ponencias centraranse no que vai suceder no futuro coas políticas de cambio climático e como estas “van afectar ás políticas enerxéticas e ambientais en todos os países do mundo”. Verbo do seu contexto, este congreso, que conta co patrocinio da Xunta de Galicia e Iberdrola, ten unha importancia internacional nun momento estratéxico para este tema. “Dende o punto de vista económico”, explica Labandeira, “afondaremos nas políticas e acordos de cambio climático, o que inclúe temas como o futuro enerxético, os impostos ambientais, os mercados de dereitos de emisións, como o que temos agora en Europa, ou os mecanismos de promoción de enerxías renovables”. A idea, como se fixo en edicións anteriores, é sacar un libro ou unha revista internacional coas conclusións desta xuntanza, que no 2006 estivo centrado nas externalidades ambientais e as políticas correctoras.

Toda a información sobre o workshop na web do grupo REDE

Archivos asociados a esta noticia:
application/pdf: Programa