Oficina CEER
 24-06-2008
O Centro de Linguas Modernas organiza en Santiago e Lugo cursos intensivos de idiomas para os alumnos que teñan acadado unha bolsa Erasmus

O Centro de Linguas Modernas (CLM) organiza nos Campus de Santiago e Lugo cursos de inglés, francés, alemán, italiano e portugués, dirixidos especialmente a alumnos cunha bolsa Sócrates-Erasmus para o curso 2008-2009, e tamén a todas aquelas persoas maiores de 16 anos interesadas. Estes cursos, cunha carga lectiva de 40 horas, celebraranse do 10 ao 23 de xullo.

Esta oferta formativa completarase coa programación, para o Campus de Santiago, de cursos de árabe (niveis 1 e 2), checo, chinés, eúscaro, grego moderno, catalán (niveis 1 e 2), polaco, ruso e xaponés, que tamén se celebrarán nestas mesmas datas e cunha idéntica duración. Estos últimos cursos poderán ser convalidables por créditos de libre configuración.

O prezo da matrícula é de 150 euros para membros da USC e de 175 euros para aquelas persoas que non pertenzan á comunidade universitaria. O proceso de matrícula realizarase a través da páxina web do CLM (http//www.usc.es/idiomas/) ou excepcionalmente de xeito presencial no Negociado do propio CLM ata o próximo día 7 de xullo.

Para os cursos de inglés e catalán, e co fin de clasificar aos alumnos, o día 3 de xullo haberá unha proba de nivel ás 10:00 horas nas aulas B, C e D da Facultade de Filoloxía, (inglés) e no Laboratorio de idiomas do CLM (catalán).