Oficina CEER
 26-07-2018
A UNIVERSIDADE DE VIGO PROCLÁMASE SUBCAMPIOA DE EUROPA DE PIRAGÜISMO NOS UNIVERSITIES GAMES

Raquel Dacosta acadou unha prata e un bronce e David Novas un bronce.

O que comezou o pasado mes de abril como un empeño persoal dun grupo de padexeiras e padexeiros que estudan distintas titulacións na Universidade de Vigo, remataba nas últimas horas coa consecución do subcampionato de Europa de piragüismo nos European Universities Games. Raquel Dacosta, David Novas, Iago Monteagudo, Yeray García, Carla Sieiro, Aaron Diéguez e Alexandre Castro, baixo a dirección do técnico da Federación Galega de Piragüismo Juan Pardo, acadaron nos Xogos Europeos Universitarios, celebrados desde o pasado día 19 e ata hoxe na cidade lusa de Coimbra, o segundo posto na competición de piragüismo, na que tomaron parte 23 equipos en representación doutras tantas universidades europeas. “As e os rapaces miraron aí unha posibilidade de que se podía facer ben, un proxecto pequeniño e da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade, puxéronse en contacto con nós na Federación Galega, para intentar orientarse porque para eles era un pouco novo o tema do piragüismo”, explica Juan Pardo, que lembra que pola falta de tempo non houbo un plan preparatorio, nin concentración previa, ao que se engaden os compromisos que cada deportista tiña co seu respectivo club.

Tras dous días de competición, a Universidade de Coimbra, anfitrioa do evento, proclamouse campioa de Europa tras sumar 556 puntos en todas as categorías, seguida pola Universidade de Vigo que acadou 472 e a Mozyr State University de Belarús con 436, os mesmos que a UMannheim de Alemaña. “A valoración é moi boa, superáronse as expectativas e como experiencia foi moi gratificante, sobre todo polo feito de que se dea a coñecer un pouco este deporte dentro da universidade”, sinala Pardo, que anima á institución académica a apostar polo piragüismo, involucrándose máis con esta actividade deportiva, que neste intre está de moda.

Tres medallas nunha competición con campións europeos e olímpicos No centro náutico de Montemor-o-Velho, no que se disputaron as probas de piragüismo, o equipo da Universidade de Vigo, formado por finalistas nacionais, algúns medallistas e mesmo con experiencia internacional en categoría júnior ou sub23, subiu ao podio en tres ocasións: dúas da man de Raquel Dacosta, que acadou unha medalla de prata en C1 500m e outra de bronce en C1 200m e outra da man de David Novas, bronce en C1 200m. A participación viguesa completouse en Coimbra cos 4º postos en K2 mixto de Iago Monteagudo e Raquel Costa e en C1 500 m de Carla Sieiro; os quintos en K1 1000m de Aaron Díeguez, en C1 1000m de Yeray García e en C1 200m de Carla Sieiro; os sextos postos de Iago Monteagudo en K1 1000m e en K1 200m e de Yeray García e n C1 200m e o sétimo posto en K1 mixto remudas 500m de Raquel Dacosta e Iago Monteagudo.

Para o adestrador do equipo vigués, tendo en conta que esta foi a primeira vez que a Universidade de Vigo participaba en piragüismo nuns xogos europeos a valoración é moi boa, “porque todos disputaron finais a excepción de Alexandre Castro e máxime tendo en conta a presenza no competición de campións de Europa e olímpicos”. Para o técnico, todo o mérito dos éxitos acadados nesta competición é das e dos deportistas, ao tempo que non agocha que nun principio ao recibir a proposta de coordinar este equipo “pensei que era un marroncete, porque estas cousas nunca se sabe o que pode saír porque iamos a cegas. Pero son xente seria e contabamos con que fixeran o mellor papel, como así foi”, explica Pardo.

Alexandre Castro, Carla Sieiro e David Novas estudan Ciencias da Actividade Física e do Deporte, mentres que Raquel Dacosta e Iago Monteagudo cursan Fisioterapia; Yeray García,o grao en Enxeñaría Mecánica e Aarón Diéguez, Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación.

Fonte: duvi.uvigo.es