Oficina CEER
 29-09-2018
“CULTURA E COMERCIO TRADICIONAL”, SEGUNDA MESA SECTORIAL DENTRO DA ‘ESTRATEXIA DE COOPERACIÓN DO RÍO MIÑO TRANSFRONTEIRIZO 2030

Este xoves 27 de setembro de 2018 ás 17:00 horas en Valença procedeuse á celebración da segunda mesa sectorial titulada “Cultura e comercio tradicional” dentro da ‘Estratexia de Cooperación do Río Miño Transfronteirizo 2030’, na que a FCEER é responsable da súa elaboración. Foi o segundo encontro interactivo coa poboación para elaborar de maneira consensuada un documento guía sobre como desenvolver as potencialidades do territorio.

O profesor J.A. Rio Fernades, da Universidade de Porto, e a profesora Carmen Villarino, da Universidade de Santiago de Compostela, foron os encargados de dirixir esta mesa co apoio dos equipos técnicos da Deputación de Pontevedra, da CIM Alto Minho e da Fundación CEER.

Foron moitas as propostas e ideas lanzadas por diferentes actores en representación de asociacións culturais, concellos ou universidades, entre outros. Entre os temas tratados destacan, naa cultura, a creación de catálogos comúns para recoller recursos do patrimonio cultural, histórico, material e inmaterial. Tamén a necesidade de crear e afianzar o sentido de pertenza, ao que hai que engadir a coordinación de actividades culturais a compartir cun enfoque bilateral. No comercio tradicional, por outra banda, fomentar o asociacionismo e levar a cabo accións conxuntas de oferta, de xeito que se combinen actividades e eventos atractivos para o turismo e para os comerciantes, entre outros.

As diferentes aportacións recollidas srvirán para complementar o traballo estratéxico orientado a establecer un plan de acción para este territorio transfronteirizo no que a FCEER participa en colaboración coa Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho.