Oficina CEER
 21-11-2018
O II FÓRUM DO RÍO MIÑO TRANSFRONTEIRIZO CELEBRARASE O 29 DE NOVEMBRO EN TOMIÑO

Uxío Benítez chamou á participar neste encontro, que supón o cumio da elaboración da "Estratexia do Río Miño Transfronteirizo 2030".

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez, presentou hoxe o programa do II Fórum do Río Miño Transfronteirizo, que se celebrará o vindeiro 29 de novembro no auditorio de Goián, en Tomiño. No acto, Benítez estivo acompañado polo alcalde de Vila Nova de Cerveira e vice director da AECT Río Miño, João Fernando Brito Nogueira, e o director da Fundación Centro de Estudos Euro Rexionais, Valerià Paül.

Dende finais de 2017, e como acción principal dentro do proxecto Smart Minho, púxose en marcha a elaboración da `Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030´, un documento guía "que marcará as liñas de actuación da cooperación entre o sur da provincia de Pontevedra e o Norte de Portugal durante a próxima década", explicou Uxío Benítez. Para a creación da estratexia "foi necesario realizar un estudo profundo do territorio, dende o punto de vista económico, social e político, no que participaron os principais actores galego portugueses de cada un destes sectores cun altísimo grao de implicación por parte de todos eles".

"Este II Fórum supón o cumio dun traballo innovador, xa que existían estudos similares pero non un cunha visión compartida do territorio, e no que a cidadanía tivo a oportunidade de participar, debater e aportar os seus puntos de vista ao documento que se ía elaborando, e polo tanto esta é unha estratexia feita dende a base", apuntou o deputado de Cooperación Transfronteiriza.

Baixo a coordinación da AECT Río Miño, un equipo de expertos e expertas das 6 universidades públicas do norte de Portugal e Galiza lideraron este traballo, "polo que os resultados contan tamén cun aval académico e tanto a nivel institucional como social o resultado foi moi positivo", indicou o director da AECT Río Miño. "Realizáronse ata 10 encontros bilaterais entre concellos galegos e cámaras municipais portuguesas e numerosas reunións de traballo no que participaron os diferentes gobernos locais".

Así mesmo, "a elaboración da `Estratexia Río Miño 2030´ partiu da premisa de ser un traballo realizado a través da participación cidadá". Para iso puxéronse en marcha diferentes mecanismos como un "espazo de participación cidadá virtual a través da páxina web smartminho.eu, unha enquisa pública dirixida á toda a poboación do territorio, 5 mesas sectoriais centradas en diferentes temáticas como turismo, cultura, comercio ou mobilidade e a celebración do I Fórum do Río Miño Transfronteirizo, e aínda quedan pendentes dúas mesas sectoriais máis e por suposto, este segundo Fórum, conseguindo unha participación moi alta".

Pola súa parte, o alcalde de Vila Nova de Cerveira e vice director da AECT Río Miño, João Fernando Brito Nogueira, lembrou que "o I Fórum foi un éxito de participación pública, cun diagnóstico oportuno para a rexión transfronteiriza, polo que esta segunda edición vai permitir perfeccionar a estratexia, de forma que imos contar cun instrumento con orientación propia, pero tamén imos poder presentar os nosos intereses e reivindicacións á Unión Europea". Nogueira explicou que "a cooperación transfronteiriza está nos plans, polo menos teóricos, dos gobernos de Portugal e España e coa elaboración deste documento `Estratexia Río Miño 2030´ queremos contribuír para avanzar cara á practica, pois somos nós mesmos os que mellor coñecemos este territorio e temos a responsabildade de definir unha estrateia axeitada que sirva para dar resposta á necesidades sentidas".

"O obxectivo principal é transformar dúas rexións periféricas nunha única área central. Temos excelentes condicións para sermos un territorio común, cuando naturalmente xa o é, pero hai que superar barreiras burocráticas sentidas na educación, na saúde, na xestión d río Miño, entre outras que somentes cunha atuación supra rexional poden ser superadas", concluíu o alcalde portugués.

Pola último, o director da Fundación Centro de Estudos Euro Rexionais, Valerià Paül, calificou o proceso de "éxito" e valorou a alta participación e implicación da sociedade civil. Paül adiantou que "tras estes meses de traballo hai moitas modificacións no documento borrador que se presentou no I Fórum, o cal é unha magnifica noticia porque quere dicir que se debateu de verdade, e anunciou que se recolleron preto dun centenar de propostas que formarán parte do ‘Plan de Acción do Río Miño Transfronteirizo 2030´".

Paül destacou ademais a importancia deste estudo que "non foi realizado por unha consultora, senón que foi debatido e matizado pola sociedade civil" e incidiu en que a importancia do documento á hora de solicitar fondos europeos reside precisamente en saber primeiro que é o que queremos ser, e en que queremos investir eses cartos xa que moitas veces se solicitan axudas sen saber para que fan falla".

O II Fórum do Río Miño Transfronteirizo, que se celebrará no Auditorio de Goián, en Tomiño, o vindeiro 29 de novembro será o espazo elixido para aportar os últimos matices á elaboración da estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030, que se presentará a en xaneiro de 2019. O Fórum comezará ás 10:30 e rematará ás 14:30 cun brunch/networking. As inscricións son gratuítas e poden facerse a través das web www.smartminho.eu.

A Estratexia de Cooperación Intelixente do río Miño Transfronteirizo enmárcase dentro do proxecto Smart Minho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 % por fondos FEDER, cun orzamento total de 942.022,47 euros.

Fonte: Deputación de Pontevedra

Audio da entrevista: min. 01:36-04:56 http://play.cadenaser.com/audio/1542725339_322708/