Oficina CEER
 22-11-2018
A OFICINA PARA A IGUALDADE DE XÉNERO DA UDC ORGANIZA UN PROGRAMA DE ACTOS PARA CONMEMORAR O DÍA PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

A Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña promociona varias actividades para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Así, ademais do curso xa impartido esta semana sobre a docencia desde a perspectiva de xénero; os días 26 e 27 terán lugar, organizadas polo Centro de Estudos Feministas e de Xénero (CEXEF), as Xornadas Internacionais sobre Prostitución.

O día 30 terá lugar o acto institucional no salón de actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol. Ás 12:00 horas, farase a lectura do manifesto da Rede de Unidades de Igualdade para a Excelencia Universitaria, RUIGEU; a continuación entregaranse os premios do VI Concurso de Traballos Académicos con Perspectiva de Xénero Ángeles Alvariño. Finalmente, Carme Adán, filósofa feminista impartirá a conferencia “O patriarcado non acouga. Pensemos o feminicidio”.

Xornadas Internacionais sobre Prostitución

O luns, 26 de novembro no espazo Normal da Universidade da Coruña (Campus de Riazor) terán lugar as Xornadas Internacionais sobre Prostitución que organiza CEXEF e que terán continuidade o martes, 27, na Facultade de Socioloxía. Estas xornadas buscan dar resposta aos interrogantes que rodean este ámbito ofrecendo unha viaxe ao pasado da prostitución, analizando a súa situación actual e advertindo do exercicio doutras prácticas que derivan dela.

O reitor da UDC, Julio Abalde, inaugurará as Xornadas o luns, 26, ás 17:00 horas, xunto coa directora do CEXEF, Rosa Cobo, e a coordinadora do Mestrado en Políticas Sociais, Antía Pérez Caramés. A continuación, haberá a conferencia “A prostitución no século XXI. O modelo sueco” a cargo da escritora, xornalista e activista Kajsa Ekis Ekman. A xornada rematará coa intervención de Charo Carracedo, abogada e voceira da Plataforma pola Abolición da Prostitución, que falará de “Políticas públicas para abolir a prostitución”. A xornada do martes, as conferencias trasladaranse á Facultade de Socioloxía.

9:30h. “A nova utilidade da prostitución no neoliberalismo”, a cargo de Beatriz Gimeno, escritora e deputada de Podemos na Asemblea de Madrid.

11:30h. “Mulleres e nenas, mercadorías da prostitución. Como se fabrica unha puta?”, conferencia de Amelia Tiganus, activista feminista e integrante de Feminicidio.net.

13:00h. “Prostitución, “refuxio” da masculinidade hexemónica”, por Beatriz Ranea, investigadora e formadora.

16:30h. Mesa redonda “Prostitución e trata con fins de explotación sexual: un achegamento ao sistema prostitucional desde a intervención integral das entidades municipais”, coa participación de Silvia Pérez Freire, integrante da Rede Galega contra a Trata; Nuria Parión, de Red Española de Municipios libres de Trata y Explotación Sexual e alcaldesa de Santa Coloma de Gramanet; e Yolanda Rodríguez Villegas, integrante de Médicos del Mundo.

Rosa Cobo clausurará as xornadas ás 18:00h. e ás 19:00 horas presentará na Librería Berbiriana, o número 3 de Atlánticas. Revista Internacional de Estudos Feministas da Universidade da Coruña, nun acto no que tamén estará Beatriz Ranea, coordinadora do monográfico “A prostitución: entre vellos privilexios masculinos e novos imaxinarios neoliberais”, e Belén Fernández Suárez, secretaria de redacción.

Fonte: www.udc.es