Oficina CEER
 21-04-2020
MICROMECENADO PARA "ACELERAR" A INVESTIGACIÓN CONTRA A COVID-19

A plataforma da USC "Sumo Valor" capta fondos para avanzar na detección do virus, na elaboración de vacinas, na análise dos impactos económicos, na modelización da pandemia e nos estudos epidemiolóxicos.

A plataforma de micromecenado da USC "Sumo Valor" acaba de abrir unha nova liña destinada a "acelerar o proceso de investigación contra a COVID-19", tal e como explicou este mércores o reitor Antonio López. Fomentar e reforzar diversas liñas de investigación relacionadas co SARS-CoV-2, integrando áreas de coñecemento diversas cunha perspectiva holística é a finalidade desta campaña. Neste senso, os fondos captados destinaranse a sistemas de detección do virus en diferentes matrices, investigación en vacinas, análises dos impactos económicos, modelización da pandemia e estudos epidemiolóxicos.

"Os grupos de investigación solicitan financiamento externo a diferentes entidades pero esas convocatorias poden tardar meses en resolverse", explica o reitor da USC. "Con esta liña de micromecenado pretendemos lograr que os nosos equipos dispoñan xa de recursos para a fase inicial das súas investigacións", engade.

A través desta iniciativa, a USC quere acadar ata 100.000 euros que servirán para acometer traballos en diferentes áreas de coñecemento. "Esta captación de fondos destinarase a investigacións en distintos eidos, dende as Ciencias, Enxeñarías e Ciencias da Saúde, ata as Ciencias Sociais e Xurídicas onde se están a realizar traballos sobre o impacto económico do virus", explica o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo. O prazo para realizar doazóns remata o 31 de xullo de 2020 e pode formalizarse a través desta ligazón.

Conexión coa sociedade

A USC puxo en marcha en novembro de 2019 o programa de micromecenado "Sumo Valor" co obxecto de crear un espazo de encontro que implique a empresas, institucións e sociedade nas actividades, proxectos e servizos que a Universidade desenvolve en materia de investigación, cultura ou deportes, entre outros ámbitos. Antonio López subliña que esta iniciativa constitúe un “vínculo activo coa USC e un instrumento que reforza a nosa conexión coa sociedade”, facéndoa partícipe do desenvolvemento da investigación e do coñecemento xerado.

Enténdese por microdoazón a liberalidade ou dación dunha cantidade monetaria ou dun ben, tanxible ou intanxible, sempre que tal cantidade ou o valor do ben non superen os 3.000 euros. Para as persoas físicas ou xurídicas que queiran facer unha microdoazón de bens, tanxibles ou intanxibles, ou de dereitos, ponse á súa disposición un formulario accesible desde esta web.

Fonte: Xornal.usc.es