Oficina CEER
 11-11-2020
ABERTO O PRAZO DO VI PROXECTO MENTORING

Esta iniciativa ten como obxectivo iniciar ao alumnado universitario e titulados e tituladas recentes, nun programa de apoio individual para a toma de decisións e a planificación do seu futuro profesional.

O Proxecto Mentoring da USC, impulsado dende a Área de Orientación Laboral e Emprego da Vicerreitoría de Igualdade Cultura e Servizos e que chega xa á súa sexta edición, ten como obxectivo iniciar ao alumnado universitario e titulados e tituladas recentes, nun programa de apoio individual para a toma de decisións e a planificación do seu futuro profesional. Ás persoas participantes proporcionaráselles o contacto cun profesional experimentado/a da mesma área profesional, que lles ofrecerá asesoramento, información e apoio para que poidan identificar mellor as súas fortalezas, definir o seu proxecto profesional e aproveitar as oportunidades da súa contorna, coa finalidade de mellorar as súas posibilidades de acceso ao mundo laboral.

Ademais dos encontros cos mentores, o alumnado terá a oportunidade de participar en diferentes actividades formativas dirixidas a facilitar a súa empregabilidade, como por exemplo, a elaboración dun currículo de éxito, programas de iniciación práctica, utilización das redes sociais profesionais, ou márketing dixital para a busca de emprego, entre outros. Neste senso, as persoas participantes contarán tamén co apoio e asesoramento das Técnicas de Orientación Laboral da USC.

Medio milleiro de participantes

Ao longo das diferentes convocatorias, teñen participado no Proxecto Mentoring USC, máis de 500 alumnos e 350 mentores, sendo estes últimos profesionais e directivos de diferentes ámbitos, sempre da área formativa do alumno/s ao que titoriza. “A diferencia de anteriores convocatorias, este ano temos o reto de levar a cabo todas as actividades e encontros en formato en liña”, apuntan dende a organización. A inscrición no proxecto pode formalizarse ata o 11 de novembro nesta ligazón.

Fonte: xornal.usc.es