Cartaz
Oficina CEER
 28-12-2020
O LABORATE ORGANIZA UN FORO SOBRE PLANIFICACIÓN TERRITORIAL DA INFRAESTRUTURA VERDE PARA ADAPTARSE AO CAMBIO CLIMÁTICO

As xornadas promovidas ao abeiro do proxecto Inverclima desenvolveranse en liña do 26 ao 28 de xaneiro de 2021.

O Laboratorio do Territorio da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC organiza un foro participativo sobre a infraestrutura verde e a adaptación da ordenación do territorio ao cambio climático. Esta iniciativa nace ao abeiro do programa Inverclima, un proxecto de I+D impulsado pola USC co apoio Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da Fundación Biodiversidade, a través do que se pretende mellorar a planificación territorial da infraestrutura verde para contribuír á mitigación e á adaptación ao cambio climático.

As xornadas promovidas desde o LaboraTE desenvolveranse en liña do 26 ao 28 de xaneiro e as persoas interesadas en participar neste foro poden xa formalizar a súa inscrición de balde nesta ligazón. Tamén se pode solicitar máis información a través do enderezo de correo electrónico laborate@usc.es.

A Infraestrutura Verde está definida pola Unión Europea como unha rede de áreas naturais ou seminaturais, ademais doutros elementos ambientais, que está planificada de forma estratéxica e presenta un deseño e unha xestión apropiada para a prestación dunha ampla gama de servizos ecosistémicos. A conservación desta rede de ecosistemas sans antóllase imprescindible na loita contra o cambio climático, dado que favorece o secuestro e o almacenamento de dióxido de carbono, a regulación da temperatura, o subministro de enerxías renovables, a canalización dos movementos das especies animais, o control de danos por riscos extremos e, entre outras, a redución do grao de vulnerabilidade fronte a incendios forestais, pragas, erosión ou enfermidades.

No contexto deste proxecto, o LaboraTE da USC pretende avanzar na progresiva incorporación da opinión pública na futura planificación da Infraestrutura Verde. Para este cometido, os actores deste proxecto de investigación están a desenvolver un proceso de participación pública que comeza coa celebración destas xornadas en liña e que nos vindeiros meses tamén incluirá obradoiros presenciais e virtuais. Estas sesións buscan precisar a identificación dos servizos ecosistémicos máis valorados pola sociedade, ademais de analizar a capacidade dos territorios para proporcionar estas vantaxes, identificar os efectos do cambio climático e tamén espazos que deben formar parte da Infraestrutura Verde.

Fonte: xornal.usc.es