Oficina CEER
 27-04-2021
O PROGRAMA DE DEMOCRATIZACIÓN DO COÑECEMENTO DA UNIVERSIDADE SÉNIOR DA UDC ARRANCA MAÑÁ NO AUDITORIO MUNICIPAL DO CONCELLO DAS PONTES

A Universidade Sénior, o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, pon en marcha, co financiamento da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello das Pontes, unha nova edición do programa de formación universitaria específico para os adultos maiores de 50 anos, que se desenvolverá nos meses de abril e maio, no Auditorio Municipal Cine Alovi.

Un total de 48 alumnos e alumnas maiores de 50 anos ponteses participarán entre abril e maio neste programa que leva como título “Coñecendo o Camiño coa Universidade Sénior”, que será inaugurado mañá mércores, 28 de abril, ás 17:00 horas, coa presenza da directora da Universidade Sénior, Matilde García Sánchez, e máis a concelleira delegada da Área de Benestar Social, Igualdade, Educación e Xuventude do Concello das Pontes, Tania Pardo Cabarcos.

O Programa consta de tres palestras, impartidas por profesorado da Universidade da Coruña, que abordarán as seguintes temáticas:

28 de abril, de 17:00 a 19:00h., “Santiago Apóstolo : Historia, Mito e Lenda”, a cargo do profesor Alvaro J. Iglesias Maceiras
5 de maio, de 17:00 a 19:00h. “A influencia provenzal na lingua e literatura a través do Camiño de Santiago” a cargo do profesor Xoán López Viñas
12 de maio 17:00 a 19:00h. “O Camiño: Paisaxes, Pontes e Fonte”", a cargo do profesor José Manuel Álvarez-Campana Gallo
O día 12 de maio, a partir das 19:00h. terá lugar o acto de clausura. Con este Programa, a Universidade Sénior achégase un ano máis ás persoas maiores de 50 anos das Pontes de García Rodríguez, respondendo ás súas inquedanzas e necesidades formativas como xa vén facendo desde o ano 2001 nos campus da Coruña e Ferrol.

Fonte: www.udc.gal