Oficina CEER
 04-06-2021
O IMPACTO DA COVID-19 NAS PERSOAS MAIORES, OBXECTO DE ANÁLISE NUNHA OBRA DO SERVIZO DE PUBLICACIÓNS DA USC

A Cátedra Cruz Vermella Española para a mellora de calidade de vida das persoas maiores deu pulo a esta investigación, que baixo a dirección de Fidel Martínez Roget, achega resultados dunha enquisa realizada a preto de medio millar de persoas de 65 anos ou máis, para avaliar como lles afectou a pandemia.

A obra Estudio sobre el impacto de la COVID-19 en la calidad de vida de las personas mayores que acaba de editar o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, aborda o influxo da pandemia por mor do SARS-CoV-2 “nun colectivo especialmente vulnerable” como é o das persoas de 65 ou máis anos en Galicia. Neste contexto de crise sanitaria, a Cátedra Cruz Vermella Española para a mellora de calidade de vida das persoas maiores considerou oportuno dar pulo a esta investigación, que baixo a dirección de Fidel Martínez Roget, é froito do traballo de Manuel Gandoy Crego, Lorena López Rodríguez e Belén Vázquez Sampayo.

A finalidade do estudo, realizado entre os días 3 e 12 de novembro de 2020 con 411 persoas, é detallar a realidade percibida pola poboación de maior idade en Galicia a partir das súas propias opinións e en relación á situación provocada pola COVID-19. En palabras do director da Cátedra Fidel Martínez Roget, “nun contexto de enormes dificultades, as persoas maiores demostraron unha importante capacidade de resistencia, xa que case a metade valoran como ‘boa’ ou ‘moi boa’ a súa calidade de vida”. Ademais, engadiu o docente, “as percepcións positivas aumentan coa idade, o que pon de manifesto a resiliencia derivada da experiencia acumulada co paso dos anos”.

O libro achega resultados dunha enquisa realizada entre preto de medio millar de persoas que se sitúan no rango de idade obxecto de estudo. A obra evidencia que 7 de cada 10 móstranse satisfeitas e conformes coa súa calidade de vida a pesar do contexto actual condicionado pola COVID-19. Os aspectos mellor valorados, ademais das condicións dos seus propios fogares para cumprir as medidas de illamento social —cunha puntuación media de 4,07 sobre 5—, son os relacionados coas dimensións de relación social e psicolóxica, así como o apoio social que reciben (3,84 sobre 5) ou as relacións persoais coas que contan (3,81 sobre 5). Pola contra, entre as cuestións con valoracións máis baixas destacan as oportunidades de ocio das que dispoñen ou os recursos económicos cos que contan.

Fonte: xornal.usc.es