Oficina CEER
 18-11-2022
O PROXECTO UNISF IMPULSA A SEGUNDA EDICIÓN DO SEMINARIO PARA ALTOS CARGOS UNIVERSITARIOS

Este foro desenvolverase o vindeiro martes, 22 de novembro.

A segunda edición do Seminario para Altos Cargos Universitarios, unha iniciativa integrada no proxecto Universidade Sen Fronteiras (UNISF) no que participa a USC, terá lugar na Universidade do Minho (UMinho) o vindeiro martes, 22 de novembro. Ademais da de Santiago e da UMinho, integran o proxecto as outras catro universidades públicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal: UDC, UVigo, Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro (UTAD) e a Universidade do Porto (U.Porto), xunto coa Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER).

A edición deste ano conta na súa sesión de apertura coas intervencións de Rui Vieira de Castro, reitor da Universidade do Minho; Filomena Soares, vicerreitora responsable da coordinación do proxecto UNISF, dende a Universidade do Minho; e Ángel Miramontes, director da Fundación CEER. A debate estará a cooperación interuniversitaria na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, coa presenza de representantes de institucións como a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, a Axencia de Avaliación e Acreditação do Ensino Superior, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal.

O evento reunirá os reitores das seis universidades que constitúen o consorcio, nun momento dedicado á reflexión sobre a harmonización e as potencialidades do Ensino Superior. O proxecto UNISF está a desenvolver na actualidade catro cursos de posgrado cooperativos cunha clara compoñente transfronteiriza e interdisciplinaria: os mestrados en Desafíos das Cidades, en Dereito Transnacional da Empresa e Tecnoloxías Dixitais, o doutoramento en Matemática e Aplicacións e o doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento.

Fonte: xornal.usc.es