Un equipo da USC colabora coa Universidade ecuatoriana de Cuenca para avanzar no coñecemento e na defensa dos Dereitos Humanos da poboación do país
Un equipo de investigadores do Centro de Estudos Americanistas da Universidade de Santiago está a desenvolver un proxecto educativo para a Universidade ecuatoriana de Cuenca. Céntrase nos Dereitos Humanos e a través desta iniciativa preténdese contribuír ao desenvolvemento do país latinoamericano.
A coordinadora do proxecto é Montserrat Villarino Pérez, subdirectora do Centro de Estudos Americanistas da USC, integrado por investigadores das Facultades de Historia e Dereito que traballan neste campo. A profesora sinala que o proxecto parte dunha acción financiada pola Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), do Ministerio de Asuntos Exteriores, cuxa filosofía é axudar ao desenvolvemento das institucións de determinados países, nesta ocasión de Latinoamérica. A investigadora explica que a finalidade destas accións é establecer contactos entre universidades para desenvolver un proxecto conxunto, xa sexa de investigación ou de docencia, como neste caso.
Ecuador é un país con grandes carencias no eido do coñecemento e da protección dos Dereitos Humanos da poboación.
O organismo coordinador do proxecto na Universidade ecuatoriana é a Aula de Dereitos Humanos, que traballa por resolver a carencia que existe no país en relación ao coñecemento e a defensa dos dereitos da poboación, en particular dos grupos máis marxinados.
No marco da acción financiada pola Axencia Española de Cooperación Internacional, un equipo da USC visitou a Universidade ecuatoriana coa finalidade de poñer en marcha alí un curso de posgrao en Dereitos Humanos, dado o interese manifestado tanto polas institucións académicas como polo alumnado. Na actualidade, os investigadores traballan no deseño deste curso, que, unha vez en marcha, contará coa participación de profesorado galego alomenos nun 60% do conxunto de docentes.
“No futuro a nosa idea é que exista a posibilidade de que os alumnos ecuatorianos poidan vir a Galicia e beneficiarse dunha axuda da Universidade de Santiago para complementar a súa formación neste eido” -manifesta a coordinadora do proxecto-. O equipo da USC xa ten experiencia neste tipo de iniciativas posto que tamén están a desenvolver con éxito outros proxectos similares en Arxentina.
O problema dos reclusos nos cárceres e nos centros de detención preventiva en Ecuador
“Os alumnos da Universidade de Santiago non teñen problemas neste sentido porque dispoñen dunha ampla oferta no eido dos Dereitos Humanos, tanto na titulación de Historia como na de Dereito, ademais é unha materia que goza de moita aceptación entre os universitarios xa que se trata dun tema que interesa” -afirma a profesora Montserrat Villarino-. Fronte a esta situación, normalizada en Europa, o obxectivo do equipo é trasladar estes coñecementos aos países de Latinoamérica, onde non se valoran os Dereitos Humanos, tanto os individuais como os colectivos, en particular os dos pobos indíxenas e os de determinados colectivos sociais.
As investigadoras da USC indican que con esta iniciativa pretenden dar resposta á necesidade que teñen os cidadáns ecuatorianos de formarse no ámbito dos Dereitos Humanos, sobre todo nos cárceres e nos centros de detención provisional, onde existe un grave problema de proteción dos dereitos dos presos. Nesta liña, a Aula de Dereitos Humanos da Universidade ecuatoriana de Cuenca traballa a prol dos dereitos deste colectivo, a través de grupos de estudantes universitarios voluntarios. O seu labor é velar polos dereitos dos presos.
A Aula intervén en particular no ámbito dos cárceres, a prostitución e o travestismo e, en xeral, naqueles casos nos que determinados sectores da poboación se atopan en situación de marxinalidade, o que os convirte en grupos especialmente vulnerables á violación dos seus dereitos.
“En Latinoamérica os grupos máis marxinados non poden esixir o cumprimento dos seus dereitos porque os descoñecen. Ademais, hai un problema de formación en materia de Dereitos Humanos, tanto entre os universitarios como entre os propios profesionais que se dedican ao Dereito” -afirma a catedrática de Dereito Internacional da USC e membro do equipo Mª Teresa Ponte Iglesias-.
“En Europa os universitarios, e en calquera profesión, xa levan interiorizados os Dereitos Humanos polo que xa se aplican, pero nalgúns países latinoamericanos os mecanismos de protección e garantía dos Dereitos Humanos seguen a ser fráxiles, de aí a importancia que ten para nós poñer en marcha este máster de Dereitos Humanos na Universidade ecuatoriana” -declaran as investigadoras-.