Ofcina CEER
 29-12-2008
A Universidade de Vigo e Concello de Ourense reafirman a súa aposta polo ensino plurilingüe

O Concello de Ourense e a Universidade de Vigo a través das súa concelleiras de Educación e Normalización Lingüística e do vicerreitor de Relacións Institucionais, reafirmaron hoxe o seu compromiso co ensino plurilingüe, materializado a través da campaña informativa Europa é plurilingüe. Quen sabe galego, sabe máis, que iniciou a súa andaina en varios centros de ensino da cidade. Mediante a elaboración de textos para cadernos e dípticos explicativos, así como charlas informativas a cargo de especialistas en sociolingüística e didáctica de linguas, a Universidade de Vigo proporciona o soporte científico da campaña na que tamén participan os concellos de Pontevedra e Vigo.

“Pretendemos explicar de xeito claro as vantaxes do ensino plurilingüe”, asegura o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area que incide en que “a educación plurilingüe refírese ao uso de dúas ou máis linguas de instrución durante algún momento do proceso educativo da poboación en idade escolar”. Unha idea na que insistiron Ana María Garrido, concelleira de Educación e María Isabel Pérez González, concelleira de Normalización Lingüística que valoraron positivamente a iniciativa da Universidade de Vigo “por que canto máis linguas sexamos quen de falar teremos máis cultura, máis civilización e máis liberdade”.

O Consello de Europa pon en valor o traballo do sociolingüistas da Universidade de Vigo.
Este novo pulo á campaña prodúcese días despois de que o Consello de Europa emitise un informe no que consideraba “insatisfactoria” a situación do galego no ensino de Galicia, alertando ademais de que o número de nenos de educación preescolar cubertos polo ensino en galego segue sendo moi baixo, arredor do 1,3%.

Para Iván Area o informe do Consello de Europa “pon en valor o traballo dos sociolingüistas da Universidade de Vigo que atinadamente estaban advertindo de esta situación agora revelada polo Comité de Expertos do Consello de Europa”. Para o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Galicia non pode esquecer a súa posición estratéxica que lle permite relacionarse co mundo exterior e sobre todo con América do Sur e destaca “a normalidade coa que o alumnado estranxeiro que recibimos na nosa Universidade asimila a aprendizaxe de varias linguas”.

Un modelo educativo que promove o bilingüismo.
Transcorrido algo máis dun ano da entrada en vigor do Decreto 124/2007, a nova normativa sobre a regulación do uso e promoción da lingua galega no sistema educativo, a Universidade de Vigo e os concellos de Ourense, Pontevedra e Vigo, así como outros concellos e institucións que se adheriron á campaña, seguen a traballar nunha iniciativa que permite explicar un decreto que pon as bases para a educación bilingüe que permite acadar competencias en idiomas.

O texto normativo que é consecuencia directa do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado en 2004, por unanimidade dos partidos políticos con representación no Parlamento, está destinado a capacitar á sociedade galega futura na competencia e liberdade lingüística a través dun modelo de mantemento de linguas ou bilingüismo aditivo que sen prexudicar ao castelán, promove o bilingüismo entre o alumnado. Así, co modelo educativo que promove o Decreto garántese que o galego aumente o seu prestixio social, que recupere funcionalidade na familia, que a poboación poida elixir libremente a lingua de uso na comunicación dado que coñece e pode usar libremente as dúas.