Oficina CEER
 07-01-2009
O 75 por cento da produción científica do Cesga publicouse en revistas científicas de alto factor de impacto

Un 73.20 % das investigacións realizadas por investigadores que empregaron os servizos do Centro de Supercomputación de Galicia, Cesga, publicouse en revistas científicas de alto factor de impacto, tipo A, segundo se desprende dun estudo elaborado polo Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia. Entre os anos 2002 e 2007 publicarónse 1200 documentos, dos que 582 foron artigos, 438 presentacións de ponencias e pósteres en congresos nacionais e internacionais e 78 concretáronse na realización de teses, das que 10 pertencen á Universidade de Vigo.

Estes artigos de investigación foron recollidos en 195 revistas entre as que cabe destacar o Chemical Reviews, Trends in Ecology&Evolution ou Angewantdte Chemie-International Edition, con factores de impacto entre o 26 e o 10. Na súa maioría as publicacións atópanse no Journal Citation Report, un repertorio de revistas con factor de impacto recollidas nas bases de datos de Thompson-ISI, o Institut for Scientific Information, que ofrece servizos de bibliografía e está especializado na análise de citacións das publicacións.

A divulgación dos resultados dunha investigación é un aspecto esencial para darlle valor e aproveitar as súas achegas á sociedade, ademais dunha medida da súa utilidade. O alto número de impactos en publicacións de tipo A compleméntase co crecemento sostido no número de artigos publicados. Nos cinco anos recollidos no estudo a cifra pasou dos 38 de 2002 aos 117 do último ano. Tamén dá idea do papel do Cesga como tecedor dunha rede que favorece o intercambio entre comunidades científicas o feito de que, do total de traballos, o 75% sexa froito da colaboración, en moitos casos internacional. Os investigadores do Sistema Universitario de Galicia e do Centro Superior de Investigaciones Científicas acaparan a maioría dos usuarios do Cesga.