A área de Vigo consolida unha forte estrutura de I+D sanitaria coa creación do Instituto de Investigacións Sanitarias
Darlle formalidade e potenciar o traballo que conxuntamente veñen realizando os investigadores do Centro Hospitalario Universitario de Vigo e da Universidade de Vigo, ao tempo que se lles dota dun organismo que lles permita concorrer a financiamento nos ámbitos nacional e internacional, son os obxectivos do Instituto de Investigación Sanitarias de Vigo que desde hoxe dispón dun Consello Reitor, presidido pola conselleira de Sanidade, María José Rubio e vicepresidido polo reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago.
O cancro, as enfermidades neurolóxicas, endocrinas, as relacionadas coa nutrición, as metabólicas, cardiovasculares e infecciosas, serán as liñas de traballo preferentes dos 200 investigadores que integrados en dez unidades desenvolverán o seu labor no Instituto de Investigacións Sanitarias de Vigo. “Trátase de potenciar a investigación e propiciar que os investigadores do ámbito universitario e sanitario traballen conxuntamente, así como potenciar toda a investigación transnacional dende a investigación básica, á practica diaria”, asegurou a conselleira de Sanidade, María José Rubio que tamén destacou que “co instituto propíciase a transferencia de resultados. Esta sinerxia potencia a investigación e permite maiores avances”.
Ás vantaxes de este traballo en común, tamén se referiu o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago que sinalou que a constitución do Instituto “permite que vaiamos na dirección que nos suxiren os máximos responsables das políticas científicas: agrupamento e calidade. O que buscamos é sumar, agrupar e conseguir a maior calidade na I+D”.
Acreditación fronte ao Instituto de Salud Carlos III
Un dos primeiros cometidos do Instituto de Investigacións Sanitarias é acreditarse fronte ao Instituto de Salud Carlos III o que lle permitirá acollerse a liñas de financiamento directas sen ter que pasar por outro filtros “ sen ter que demostrar acreditación previa en cada proxecto ao que se queira concorrer”, puntualizou Rubio.
A directora científica do Instituto, Carmen Navarro, será a encargada de traballar nun plan estratéxico das liñas que se consideran máis factibles para unha acreditación rápida “por que o tempo é importante”, destacou a conselleira que tamén avanzou que a acreditación podería ser unha realidade a finais de este ano 2009. Un ano no que Alberto Gago lembrou que no campus vigués remataranse as obras do animalario e do Módulo de Investigación Biomédica, polo que “este paso que damos hoxe coa constitución do Instituto é un paso máis na consolidación na área de Vigo dunha forte estrutura de I+D sanitaria. Se sumamos podemos competir, senón é moi complicado”.
O Consello Reitor
Baixo a dirección científica de Carmen Navarro, o Instituto de Investigacións Sanitarias conta con tres vogais designados pola Consellería de Sanidade e outros tres pola Universidade de Vigo. Os primeiros son José Luís Díaz, xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo; Teresa Araguas, directora médica do complexo e Alberto Fernández, pneumólogo do centro.
Pola súa banda os vogais nomeados polo reitor da Universidade son África González e Francisco Javier Rodríguez Berrocal do departamento de Bioquímica, Xenética de Inmunoloxía e Federico Mallo do departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde. Na súa primeira reunión o Consello Reitor acordou designar a Fundación Biomédica de Vigo como ente xestor do Instituto de xeito que será o órgano responsable da xestión da actividade do instituto coa finalidade de cubrir os custos de persoal e contratación de servizos.
O Instituto de Investigacións Sanitarias de Vigo súmase aos xa constituídos cos hospitais e Universidades de Santiago e A Coruña.