Oficina CEER
 22-01-2009
Presentouse o libro Historia dunha emigración difusa, 500 anos de emigración galega a Lisboa

A Cátedra Unesco 226 sobre Migracións da Universidade de Santiago de Compostela presentou este mércores o libro Historia dunha emigración difusa, 500 anos de emigración galega a Lisboa, de Xan Leira.

A presentación tivo lugar na facultade de Xeografía e Historia nun acto ao que, ademais do autor, asistiron o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández, e os coordinadores da Cátedra, os profesores Julio Hérnandez Borge e Domingo González Lopo.

Cátedra sobre Migracións
A Cátedra Unesco sobre Migracións desenvolve a súa actividade na USC dende o ano 1994 co obxecto de estudar os fenómenos migratorios e co catedrático Antonio Eiras Roel como primeiro coordinador.

Nestes xa máis de catorce anos a Cátedra organizou numerosos ciclos de conferencias e seminarios así como coloquios internacionais que tiveron como finalidade principal servir de foro para a análise dos movementos migratorios, sempre dende unha óptica interdisciplinar, así como os problemas e retos a que dan lugar nas sociedades de partida e nas de acollida.

Este labor completouse coa publicación de varios libros, como o que hoxe se presentou, comunicacións en congresos e artigos en revistas especializadas que recollen as achegas realizadas no marco das actividades promovidas pola Cátedra, así como con traballos de investigación.