Oficina CEER
 17-03-2009
A Fundación CEER avanza na consolidación da ‘Eurorrrexión do Coñecemento’

A Fundación do Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER) continúa a avanzar no deseño de novos programas e proxectos transfronterizos entre as tres universidades galegas e as portuguesas de Porto, a UTAD e do Minho.

Varios proxectos futuros levarán á consolidación da ‘Eurorrrexión do Coñecemento’ conformada por 140.000 estudantes e 12.000 profesores e investigadores das seis universidades publicas que a conforman. Para isto, a Fundación traballa no Erasmus Eurorrexional, programa que buscará a mellora na mobilidade estudantil entre o Norte de Portugal e Galicia.

Para o director do CEER, Carlos Ferrás, “cómpre incidir no estímulo á mobilidade coa intención de acadar unha Eurorrexión do Coñecemento que sitúe Galicia e o Norte de Portugal no mapa europeo das grandes áreas de investigación e desenvolvemento”.

Co fin de ultimar proxectos, o consello de dirección da Fundación reuniuse na Universidade de Vigo. Á xuntanza acudiron o pró-reitor da Universidade do Porto, Manuel Janeira; o vicerreitor para a Investigación e Cooperación da UTAD, Eduardo Rosa; o director da Fundación CEER, Carlos Ferrás; o secretario xeral do CEER, Miguel Sopas de Melo Bandeira; e o presidente do Consello de dirección do CEER, Jose Manuel García.