Oficina CEER
 13-04-2009
O colectivo xitano de Lugo conmemora os seus 25 anos cunha exposición na Biblioteca Intercentros

A Asociación Promoción e Integración Xitana de Lugo inaugurou este mércores 8, coincidindo co Día Internacional dos Xitanos, a exposición ‘O pobo xitano en Lugo’. O presidente da agrupación, Manuel Vila, estivo acompañado no acto inaugural do vicerreitor de Coordinación do Campus, Carlos Herrero; da concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez; e do subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe.

Durante a presentación, Carlos Herrero destacou o labor da Oficina de Voluntariado do Campus, que cualificou de “unha peza máis de todas as institucións de Lugo que traballan a prol de axudar aos demais. Porque temos a obriga de dar a coñecer os valores e a cultura xitana, en beneficio de toda a sociedade”.

Con esta mostra, que se poderá visitar ata o 24 de abril, a USC “ábrese á sociedade”, en palabras de Vázquez Portomeñe, e “integra aspectos importantes dunha cultura milenaria coa que podemos normalizar a nosa conduta. É unha débeda histórica que temos con este colectivo”, concluíu.