Oficina CEER
 16-04-2009
Festival Campus Rock 2009 da Universidade da Coruña, o dia 24 de Abril

A Universidade da Coruña vístese de festa e saca do armario o necesario traxe de gala das grandes ocasións. Unha cidade, A Coruña, paralizada, e ao lonxe óense os sons diversificados e retroamplificados. O venres 24 de abril, no campus de Elviña, estamos de festa. E os únicos protagonistas son a música e o público que gozará dela. Ese día perdurará na memoria de moitos; as crónicas e o ruxerruxe farán que se manteña intacto co paso do tempo. Contarán que, coa posta do sol, músicas e artistas nunca vistas, gañaran o favor dun pobo, tras deixar un doce e eufórico sentimento.

O Campus Rock é un festival musical aberto a todos os públicos, con entrada de balde e para toda a familia. Logo de 14 anos é un referente da música en directo na Coruña. Polos seus escenarios quedaron gravados nomes de todo o estado. Artistas do talle de Maga, Los Chicos, Doctor Explosion, M-Clan ou Ginferno e grupos locais emerxentes no seu día e xa consagrados, como poden ser Elephant Band, Triángulo de Amor Bizarro ou Meu. O obxectivo do Campus Rock para esta nova edición de 2009 é seguir medrando, superarnos de novo e achegar á cidade unha programación musical de calidade. Ademais, tentamos ampliar a oferta cultural do evento, traendo connosco a primeira edición do Campus Doc.

Cremos que o cartel preparado para esta XV edición é sen dúbida o máis variado e arriscado en canto a oferta musical. Artistas de recoñecido prestixio estatal conxúganse perfectamente con novas promesas do panorama galego. Transcorreremos diferentes sendas musicais ao longo de toda a xornada: os galegos 6PM achegarannos a súa mestura de pop e electrónica de fina factura; desde Madrid, Pepo M. á fronte de The Secret Society, dará a coñecer ese son propio que consegue a base de folk e rock que o sitúa como un referente no país, tocando por toda a península e parte de Europa; con base en Barcelona, Joe Crepúsculo é o novo trobador do pop español. Aparecido neste pasado 2008 é capaz de facturar algún dos mellores himnos de pop da escena independente baixo esas capas de síntese de baixa fidelidade que conforman a súa poptrónica.

E non podíamos esquecernos dos sons con raíces nos 60s e 70s, que nos farán gozar: desde o País Vasco, The Soulbreaker Company amosarán o seu hard blues con aromas psicodélicos sureños que aprenderon de mestres dos anos 70. E finalmente, pecharán o festival, vidos de Valencia e montando unha bacanal musical, cunha mestura de sixties e garaxe punk, os salvaxes trogloditas de Wau y los Arrrgs!!!