Oficina CEER
 22-04-2009
Xornada sobre spin offs universitarias da UDC

A Facultade de Dereito da Universidade da Coruña acolle a xornada sobre spin-offs universitarias que terá lugar hoxe mércores, 22 de abril, ás 10:30 horas, no salón de graos do centro.

O reitor da Universidade, José María Barja, levará acabo a inauguración desta xornada na que tamén se realizará a presentación do caderno sobre “Empresas de base tecnolóxica da Universidade da Coruña”.

Posteriormente, o vicerreitor de Ferrol e Relación Universidade Empresa, Luís Barral Losada, falará das empresas de base tecnolóxica na UDC.

A continuación, Fernando Martínez Valdueza, consultor especializado da empresa Malbar Consultores, explicará aos asistentes as principais características das spin-offs e cales son as cuestións normativas polas que se rexen.

Para finalizar, celebrarase unha mesa redonda sobre as experiencias de creación de spin-offs universitarias na que participarán Óscar Sacristán Agulló, de LambdaStream, S.L, Pedro Arenas Barreiro, de Health in Code, S.L, e Manuel Meijide Ferreiro, de Ilux Visual Technologies, S.L. Rematarase cunha rolda de preguntas e suxestións.

As spin-offs, empresas nacidas da iniciativa de estudantes, profesores e membros do persoal de administración e servizos da Universidade da Coruña, agrúpanse no Viveiro de Empresas da UDC situado no Edificio de Servizos Centrais de Investigación. Para acceder a esta incubadora, ademais de ser integrante da comunidade universitaria, é preciso que se presenten un proxecto empresarial de base tecnolóxica. Os beneficiarios poderán estar un máximo de dous anos no Viveiro, aínda que a súa estadía estará condicionada á aprobación dun plano de viabilidade que terá que presentarse nos primeiros nove meses. Os usuarios poderán instalarse nun dos locais que a Universidade pon á súa disposición e que contan con acceso á rede de comunicacións, salas de reunións e outros servizos comúns.