A Universidade de Santiago de Compostela, a través da súa Fundación Dieta Atlántica, inicia un plan de implantación da Dieta Atlántica nos comedores universitarios de Santiago e Lugo. O obxectivo deste proxecto é informar e promover o estilo de alimentación proposto na pirámide da Dieta Atlántica entre a comunidade universitaria.
Os comedores da USC están actualmente nun proceso de implantación na súa oferta diaria de menús con alimentos atlánticos frescos e de tempada, tanto da horta (cereais, pan, patacas, vexetais, froitas, legumes, castañas e noces), como do mar e dos ríos (peixe, mariscos, algas) e da terra (tenreira galega, porco ou caza), de lácteos e de produtos propios da gastronomía atlántica en xeral e da galega en particular. Estes alimentos, ademais, cociñaranse seguindo as directrices do modelo de alimentación da Dieta atlántica, baseado fundamentalmente na cocción, no ferro, no guisado e no asado, mais que na fritura.
Deste xeito, ao longo do mes de maio os comedores dos campus de Santiago e Lugo incorporarán na súa oferta os menús ‘Dieta Atlántica’, que estarán perfectamente identificados e que permitirán aos usuarios dos comedores gozar deste modelo alimentario saudable. A iniciativa presentouse aos medios de comunicación este mércores na Residencia Universitaria Monte da Condesa cunha visita do reitor compostelán, Senén Barro, ao comedor do centro, na que estivo acompañada polos profesores Rafael Tojo, Rosaura Leis.
A USC ten como principal obxectivo promover e estudar o modelo de alimentación da Dieta Atlántica, de tradición secular pero perfectamente vixente grazas á súa magnífica calidade nutricional e aos seus valores gastronómicos. Neste afán, a USC busca o compromiso diario de toda a sociedade, e como non, da comunidade universitaria. É por iso que se inicia este proxecto en colaboración con todos os concesionarios dos comedores universitarios para tentar que todos os que utilizan este servizo se alimenten mellor e coñezan todas as potencialidades da dieta galega por excelencia.
Xunto con esta actividade nos comedores, a Fundación realiza un ciclo de conferencias onde os máis reputados expertos falan dos diversos aspectos deste modelo gastronómico. A próxima destas charlas será a presentación-coloquio do libro A dieta Atlántica: os peixes e as algas, realizado polos profesores Rafael Tojo e Rosaura Leis. O acto será o día 26 de maio, ás 19:00 horas no salón de actos da Facultade de Filosofía, na praza de Mazarelos.
A Fundación Dieta Atlántica
A Fundación Dieta atlántica é un organismo creado pola USC co obxecto de fomentar o estudo, a investigación e a difusión da dieta atlántica para a saúde e o benestar da poboación. Foi declarada Fundación de interese sanitario na orde do 11 de xullo de 2007 e tamén de interese galego na orde do 20 de setembro de 2007. Na actualidade está presidida polo reitor da USC e xunto á universidade compostelá participan nela as consellarías de Educación e Ordenación Universitaria, Mar, Economía e Industria e Medio Rural.
A Dieta Atlántica
A Dieta Atlántica caracterízase fundamentalmente pola abundancia de alimentos de tempada, locais, frescos e minimamente procesados así como polo consumo de alimentos procedentes de vexetais, verduras e hortalizas, froitas, cereais, pan e gran, patacas, castañas, noces e leguminosas. Do mesmo xeito, a Dieta Atlántica propón o consumo habitual de peixes, mariscos, moluscos, crustáceos e algas do mar e dos ríos, frescos, conxelados ou en conserva. A isto débeselle unir o consumo de lácteos e de carnes magras de tenreira, porco e caza.
Na elaboración destes alimentos a Dieta Atlántica recomenda o uso de aceite de oliva para aderezado e cociñado e unha preparación culinaria preferente da cocción, ao ferro, forno e guisado.
As características máis saudables e nutricionais da dieta atlántica tradicional en Galicia son a abundancia de hidratos de carbono complexos e fibra, de vitaminas e minerais e compoñentes funcionais ou bioactivos, de ácidos graxos poliinsaturados omega-3, monoinsaturados (oleico) e ácido linoleico conxugado (CLA).Tamén destaca a variedade de proteínas animais e vexetais cun bo perfil de aminoácidos. En definitiva, é un modelo tradicional, de unha dieta saudable, como evidencia o feito de que Galicia sexa unha das primeiras Comunidades Autónomas españolas con maior lonxevidade. O medio natural e o estilo de vida favorecen tamén esta realidade.