Oficina CEER
 09-07-2009
Cimeira de vicerreitores de deporte e cultura das universidades que forman parte do CEER

Os vicerreitores de cultura e deporte das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Porto, Minho e Trás-os-Montes e Alto Douro reuníronse no Campus de Marcosende en Vigo para seguir concretando o Espazo Eurorrexional de Cultura Universitaria. Esta iniciativa pretende crear sinerxías e redes que faciliten traballos conxuntos entre as universidades que forman parte do Centro de Estudos Eurorrexionais.

No encontro participaron os profesores Elvira Fidalgo da Universidade de Santiago, Manuel Janeira da Universidade do Porto, Mª Carmen Cabeza e Xosé Manuel García da Universidade de Vigo, Miguel Bandeira da Universidade do Minho, Luis Caparrós da Universidade da Coruña, Francisco José Felix Saavedra , docente da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, e Carlos Ferrás director da Fundación CEER.

Co río Miño de telón de fondo, o Centro de Estudos Eurorrexionais, xunto as seis universidades públicas, comprometéronse a organizar o I Trofeo de Remo Universitario da Eurorrexión, que se celebrará en torno ao mes de marzo, no río Miño, por entenderse este como un símbolo máis da riqueza das relacións entre Galicia e o Norte de Portugal. Espérase contar coa colaboración de diferentes institucións e entidades para fortalecer, mediante este evento deportivo, a Eurorrexión do Coñecemento.

Entre as iniciativas aprobadas, a Universidade da Coruña comprometeuse a iniciar un programa cultural de ámbito eurorrexional en temas de teatro, e estudar novas posibilidades de acercamento en materia cultural entre as universidades que forman parte do CEER. Os asistentes a reunión observaron interesantes oportunidades en temas de ciencia e arte, teatro, danza, deporte en xeral, etc. que poden ser moi acaidos para as institucións académicas.

Así mesmo, na reunión mantida polos vicerreitores de cultura, estudouse seguir avanzando no traballo colaborativo a través do seguimento da axenda de traballo que marcará as vindeiras actuacións en materia de cooperación cultural entre as universidades.

Para o director do CEER, Don Carlos Ferrrás este encontro “é un claro exemplo da importancia de establecer pontes de comunicación entre as universidades da Eurorrexión”, e afirmou que “o Trofeo de Remo pode ser unha oportunidade moi simbólica de ver como mediante o esforzo dos remeiros se pode chegar a unha mesma meta común”.