Oficina CEER
 28-07-2009
UVIGO e Caixanova selan unha alianza estratéxica para o futuro de ambas

“Alianza estratéxica”, así definiron o reitor, Alberto Gago, e o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, a nova etapa que hoxe inician ambas institucións tras a sinatura do convenio de adscrición á Universidade de Vigo da Escuela de Negocios Caixanova, onde se darán os estudos conducentes á obtención do título de Grao en Administración e Dirección de Empresas e o Mestrado en Administración e Dirección de Empresas (MBA), entre outras opcións que no futuro poidan ser de interese para ambas partes.

Resaltando o aspecto de que “o mellor está por chegar”, tal como sinalou Fernández Gayoso, ambos asinantes manifestaron a súa satisfacción por un acordo co que, segundo Gago, “o que facemos é sumar dous prestixios, que para nada se anulan, senón que se acumulan e se complementan”.

Longa traxectoria común
A longa traxectoria en común de ambas institucións centrou as intervencións dos máximos responsables de ambas entidades. Gago, que tamén lembrou a visita de hai apenas uns meses da ministra de Defensa para asinar a integración do Centro de Estudos da Defensa da Escola Naval de Marín á Universidade de Vigo, insistiu en que este non é máis ca “un fito dos moitos que están marcando a traxectoria de colaboración de Caixanova e a Universidade”.

Entre os múltiples proxectos conxuntos emprendidos de forma conxunta o reitor sinalou, a modo de exemplo, Cidade Universitaria, S.A e Cidade Tecnolóxica de Vigo “onde ambas entidades somos parceiros”; tamén a Fundación para a Sociedade do Coñecemento; un convenio de colaboración vixente para a posta en marcha de actividades académicas, culturais e deportivas; o título propio de Deseño Téxtil e Moda, Esdemga, que se oferta no campus de Pontevedra e que está patrocinado por ambas institucións, ou seis cátedras con sede na Universidade (Empresa Familiar, Estudos Feministas, Filgueira Valverde, Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Álvarez-Ossorio e Alexandre Bóveda).

Impulso ás actuacións en Ourense
Ao abeiro desta estreita colaboración o reitor destacou tamén as dúas últimas iniciativas postas en marcha, ambas relacionadas coa cidade de Ourense, dunha banda o patrocinio de Caixanova no proxecto de reordenación urbana do campus de Ourense e terreos anexos e, da outra, a constitución do centro Cenit de I+D, constituído pola caixa galega e a empresa IBM e que aspira a empregar 400 investigadores vinculados á Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática, “un proxecto no que a Universidade está totalmente implicada”.

A estes exemplos o presidente de Caixanova quixo engadir outros como a participación da caixa na posta en marcha da residencia universitaria do campus de Vigo, ou o forte apoio á empresa T-Solar, “ubicada en Ourense e que dá 200 empregos directos, dos cales unha parte moi importante sae da titulación de Física”, insistiu Gayoso.

Ollada ao pasado
A sinatura de hoxe serviu tamén para ollar atrás e lembrar o proceso de creación da Universidade. Fernández Gayoso lembrou os inicios do coñecido como CUVI, o Colexio Universitario de Vigo, con sentidas palabras para todas as persoas que nese intre se implicaron no proceso “incluída toda a flor e nata da Universidade de Santiago, co tempo todos catedráticos eméritos. Foi algo que vivimos con sentimento todas as persoas que nos implicamos no proxecto”, insistiu o presidente de Caixanova.

Sinalando a Universidade de Vigo como a maior aposta da obra social en toda a súa historia “e seguramente non haberá outra coa que se poida igualar”, Gayoso insistiu en que “lembro isto porque considero que o paso que hoxe estamos a dar tamén é moi importante e porque a entidade que represento está feliz con que a Escola de Negocios pertenza xa a Universidade”.

Con esta disposición é coa que a Universidade de Vigo aborda esta nova xeira académica, “ a partir de aquí o que vos desexamos é éxito, pois se a escola de negocios ten éxito tamén o terá a Universidade de Vigo”, engadiu Gago.

[ Atrás ]