Oficina CEER
 19-10-2009
Os socios do proxecto Ibermovilitas apostan por crear unha rede de cooperación permanente para impulsar a mobilidade laboral transfronteiriza

O Goberno galego reafirmou hoxe en Lisboa o seu compromiso con Ibermovilitas, o proxecto transfronterizo entre España e Portugal que ten como obxectivo fomentar a mobilidade laboral entre os dous países mellorando as capacidades dos traballadores de ambos lados da fronteira grazas non só a unha oferta formativa e práctica, senón tamén a itinerarios personalizados de asesoramento e formación que finalizarán nun período de práticas laborais no pais veciño, baseada nas necesidades dos mercados laborais e en políticas activas de emprego que contribúan a paliar as barreiras existentes á mobilidades.

A directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz López, foi a encargada de expoñer en Lisboa -no transcurso da reunión que mantivo o comité técnico de xestión e coordinación do plan- o papel desenvolvido ata agora pola Consellería de Traballo e Benestar nesta iniciativa, que lidera o departamento autonómico e na que tamén participan as consellerías das comunidades autónomas de Andalucía, Castela e León e Estremadura, xunto co Instituto do Emprego e Formaçao Professional de Portugal.

Díaz destacou a importancia de darlle un pulo á mobilidade laboral transfronteriza como ferramenta para mellorar a taxa de ocupación. “Enténdese que é un elemento clave que cobra máis relevancia nun contexto como o actual polo que é deber dos gobernos utilizar todas as ferramentas que teñan no seu alcance para contribuír a paliar esta situación”, asegurou.

Neste sentido, os responsables do proxecto de Galicia e Portugal apostaron por ir máis alá e aproveitar a estrutura formada para este programa europeo e convertela nunha rede de colaboración permanente que traballe de xeito coordinado para impulsar o traballo e a formación transfronteiriza. Por iso, na reunión de hoxe todos os socios comprometéronse a afondar nesta liña co fin de poder presentar novos programas conxuntos de aquí a 2013.

Así mesmo, a directora xeral explicou que co proxecto Ibermovilitas traballarase na mellora da cualificación profesional das persoas co obxectivo non só de ampliar os seus coñecementos e aptitudes para exercer unha determinada profesión, senón tamén para mellorar as súas opcións de acceder a un mercado laboral maior, tanto en España como en Portugal.

Neste sentido, lembrou que o plan beneficiará a preto de 300 persoas desempregadas e executaranse máis de 2.500 horas de formación, tanto presencial como en liña.

A iniciativa comprende catro liñas estratéxicas de traballo: a análise do mercado laboral transfronterizo coa identificación de oportunidades e dificultades para a mobilidade; o deseño e a posta en marcha de accións concretas para paliar as barreiras existentes; a elaboración dun proxecto piloto orientado a facilitar a inserción laboral transfronteriza e, por último, a potenciación do traballo en redes de oficinas e centros de emprego.

Na actualidade, o departamento da Xunta xa ten desenvolvidas as dúas primeiras liñas estratéxicas de acción. Así, Díaz López asegurou o compromiso xa adquirido de executar o proxecto “en tempo e forma”, é dicir, antes de que remate 2010. “Temos por diante varios meses de traballo intenso nos que a Consellería de Traballo e Benestar ofrecerá a súa total colaboración e apoio para solucionar xuntos calquera dificultade que poidamos atopar”, resaltou.

Ana María Díaz rematou a súa intervención, na primeira reunión que o comité técnico do proxecto mantén en Portugal, destacando o seu interese por seguir traballando en fomentar a mobilidade laboral unha vez que o proxecto Ibermovilitas conclúa. “Confío en que máis alá desta iniciativa podamos seguir traballando de forma conxunta para articular e implementar políticas que fomenten a mobilidade e acaden, en definitiva, a mellora do mercado laboral”.

Prazos e inversión do programa
O programa, que se inscribe dentro da convocatoria de Cooperación Transfronteiriza 2007-2013, financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), ten unha duración de dous anos e conta cun investimento de 2,3 millóns de euros.

En concreto, baixo Ibermovilitas desenvolveranse catro estudos de detección de necesidades laborais en ambos os países, para identificar os sectores de actividades e postos de traballo de difícil ocupación e que poidan ser susceptibles de ser ocupados por traballadores transfronteirizos. En base a estes resultados, elaborarase a oferta formativa nas distintas comunidades españolas e no país portugués, baseada na demanda real.

Así, coa iniciativa porase en marcha unha oferta formativa a través de 12 cursos presenciais en ambos países, que contarán tamén con formación en liña común. Esta formación versará sobre a creación de empresas, orientación laboral, igualdade de oportunidades, sensibilización ambiental e normas, usos, costumes e formación no idioma do país veciño.

Ademais, crearase, ao abeiro deste programa, un Centro de referencia para as mobilidades transfronteirizas, co obxectivo de que as administracións, institucións e axentes sociais do territorio de intervención do proxecto conten con datos e información actualizada no mercado laboral, un proxecto que está liderado polo departamento de Formación de Galicia.

Toda a información sobre Ibermovilitas habilitouse na web www.ibermovilitas.org, na que se recollen estudos, oferta formativa e constitúe un punto de encontro.