Oficina CEER
 02-11-2009
Entrevistan a Carlos Ferrás Sexto, director do CEER, en A Nosa Terra

Entrevistan a Carlos Ferrás Sexto en A Nosa Terra, deixamos aquí parte da entrevista

Que é a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal?
É unha fundación cun percorrido que funciona dende hai varios anos. É coñecida nas universidades e sobre todo nas redes sociais e na Internet.

Dende cando funciona?
Ten figura xurídica dende 2004, pero leva facendo cousas dende 2000. Está impulsada con fondos da Unión Europea.

Ten carácter europeísta?
Por suposto. Hai que ter en conta que é unha fundación universitaria da que forman parte seis universidades de dous países distintos.

Hai fundacións simulares entre universidades que comparten rexión?
Figuras xurídicas como esta non hai. Hai actividades que se fan entre universidades, intercambios, pero sen unha figura xurídica recoñecida como a nosa. Entre Dinamarca e Suecia, Finlandia e Rusia hai intercambios pero non son como o que nós facemos. A nivel transfronteirizo de relacións universitarias con figura legal a nosa fundación é a única.

Cal é o balance destes nove anos de percorrido?
Altamente positivo. Actualmente temos a páxina web con temas transfronteirizos con maior tráfico da Eurorrexión, moi por riba do Eixo Atlántico, e comeza a ser utilizada como fonte de información polos estudantes universitarios. A nosa (www.fceer.org) é a web de temas transfronteirizos a nivel internacional máis vista segundo un ranking de páxinas web internacional.

Que contidos ten?
As seis universidades xestionamos un xornal universitario común, unha axenda e oferta e bolsa de traballo común, un museo virtual que pon en valor o patrimonio científico das seis universidades... Tamén unha revista científica que se xestiona comunmente, un club de lectura....

Cal é o truco?
Hai moito traballo detrás. Pero o importante é que a estratexia de comunicación desta fundación non é igual a de outros organismos transfronteirizos que funcionan como lofts políticos que se unen exclusivamente para conseguir financiamento. A nosa fundación vai de abaixo para arriba, tecendo redes dende a base.

Como se consegue coordinar e aunar esforzos de seis universidade distintas?
Cun grupo de persoas que cren no proxecto e que están comprometidas, e con universidades que interactúan e traballan cun ideario: poñer en conexión a 140.000 estudantes e 12.000 profesores das 6 universidades. Estamos todos metidos neste barco porque cremos na Eurorrexión do Coñecemento. Por iso hai redes de conexión entre distintos sectores, liñas de investigación, e todo grazas a fondos europeos.

Había unha necesidade de crear esta fundación?
Claro. Ao final en todo este tipo de relacións transfronteirizas hai moito de voluntarismo e de especulación para ver canto podo sacar de aí por parte de persoas, organizacións e partidos políticos. Pero este tipo de voluntarismo que dura o que as axudas públicas, ao final queda en nada. Nós temos unha longa senda. A nosa filosofía é a da rendibilización dos fondos europeos que vai máis alá da captación de diñeiro para a súa xestión. Aquí xogamos cun proxecto que traballa dende a base.

Se queres continuar lendo a entrevista, debdes premer aquí , A nosa Terra